Pestanas principais

Inscríbete nos obradoiros musicais de maio que organiza a Escola Municipal de Música de Ames

Martes, 03 de maio de 2022

A Escola Municipal de Música de Ames organizou para os meses de abril e maio catro obradoiros musicais de carácter introdutivo, destinados a persoas de máis de 8 anos e cunha oferta variada e diversa de xéneros e disciplinas. Deste xeito, no pasado mes de abril impartíronse dous obradoiros musicais de beatbox e música tradicional. Agora para o mes de maio hai outros dous obradoiros programados, para os que aínda quedan algunhas prazas libres. O sábado 7 de maio impartirase un obradoiro de canto moderno e o sábado 21 haberá un taller de música afrocubana. Os dous obradoiros realízanse en horario de 11:00 a 13:00 horas e teñen un custe de 10 euros. Para participar cómpre enviar esta ficha de inscrición a escolademusica@concellodeames.gal.

A EMMA está realizando unha serie de obradoiros de música dunha xornada, co fin de que a veciñanza amesá poida coñecer ou afondar nun xénero ou nunha práctica musical da man de persoal docente profesional e experto. Con estes talleres, que comezaron en abril e continúan durante o mes de maio, preténdese fomentar condutas activas e contribuír á motivación cara á música e ao lecer.

Deste xeito, durante o mes de abril realizáronse dous obradoiros musicais. O primeiro foi “Beatbox, máis alá da túa voz”, que estivo dirixido polo cantante e beatboxer, Narci Rodríguez, no que as persoas asistentes coñeceron técnicas básicas e primeiras rutinas para probarse nesta disciplina. No segundo curso de abril afondouse na música tradicional galega e na percusión miúda. Ramón Dopico presentou cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tal.

Durante o mes de maio continúa a programación con dous novos obradoiros, para os que quedan prazas dispoñibles. O sábado 7, impartirase o taller de canto moderno, impartido pola cantante profesional, vocal coach e directora da EMMA, Pilar Martínez. As dúas horas de curso dividiranse en dúas partes. Na primeira, dedicada á técnica vocal, traballarase a relaxación, os coidados e a respiración, así como conceptos como a vocalización, a afinación ou as colocacións da larinxe e dos resonadores. Xa na segunda parte, incidirase na creación musical, mostrando como ensaiar, cantar e gravar unha canción. Cada persoa participante deberá levar unha botella de auga propia.

Por último, o sábado 21 de maio será a quenda da música afrocubana, cunha introdución aos ritmos desta cultura da man de Amaury Quintero, coach, percusionista profesional e tamén docente na EMMA. O curso presentará os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá, co fin de que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana. Á vez, poderán iniciarse na práctica destes ritmos, nun obradoiro de iniciación que repartirá as súas horas entre parte teórica e práctica.

Inscricións e prezos
As persoas interesadas en participar nos cursos deste mes de maio poden realizar a súa inscrición enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe da praza por curso é de 10 euros, que só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme a praza a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de 8 anos, cun mínimo de cinco e un máximo de quince integrantes.

A concelleira de Cultura, Natividade González, anima á veciñanza a participar nos obradoiros do mes de maio organizados pola EMMA. “É unha forma de abrir a escola a toda veciñanza para introducirse en diferentes xéneros e culturas musicais como a afrocubana,  así como iniciarse en técnicas de canto”, sinala Natividade González.

Cartel dos obradoiros musicais que organiza a Escola Municipal de Música de Ames

Multimedia

  • Cartel dos obradoiros musicais que organiza a Escola Municipal de Música de Ames