Pestanas principais

A Gala de fin de curso da Escola Municipal de Música retransmítese hoxe ás 20:00 horas vía streaming

Martes, 22 de xuño de 2021

A familia musical da EMMA reúnese esta tarde para celebrar o remate do curso cunha gala especial que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento incluirá actuacións do alumnado gravadas en vídeo e interpretacións en directo dos profesores e profesoras. Faranse dous pases, un ás 18:00 horas e outro ás 20:00 horas. Este último retransmitirase, vía streaming, a través da canle de youtube do concello de Ames. Aínda quedan algunhas entradas para asistir en directo. As persoas que desexen un convite, poden solicitalo no propio auditorio uns minutos antes de cada pase.  

Coa presentación a cargo do xornalista de Ames Radio, Juan Luís Silva, a concelleira de Cultura, Natividade González como mestra de cerimonias e o escenario da Casa de Cultura convertido nunha confortable sala de estar e visionado de vídeo, a gala de fin de curso da EMMA suporá un bo reflexo de todo o que aprenderon e de canto medraron como músicos e músicas os alumnos e alumnas desta escola municipal.

Está previsto que no transcurso do evento, o profesorado converse co xornalista Juan Silva sobre as vicisitudes deste curso e os avances dos alumnos e alumnas nun período tan difícil. Ademais, profesores e profesoras interpretarán algunhas pezas en directo. Emitiranse asemade os vídeos que o alumnado creou especialmente para o evento e outros que se foron gravando ao longo do curso e que supliron as audicións en directo que decotío fai a EMMA como parte do seu programa pedagóxico.

“Esta gala é unha gala moi especial porque despois dun ano tan difícil coma este volven os aplausos e o contacto directo co público. Porque aínda que  veremos en vídeo moitos dos traballos dos alumnos e das alumas, esa calor de asistir xuntos ao espectáculo e aplaudir a arte e os logros conseguidos vainos dar a sensación de que, con todo o coidado e a precaución, por suposto, estamos volvendo a normalidade. E a normalidade para que un artista medre implica tamén amosar o seu traballo enriba do escenario e aprender a recibir o aplauso do público”, manifesta a concelleira de Cultura, Natividade Gonxález.

A proposta de facer dous pases débese fundamentalmente a intención de que poidan asistir en directo o maior número de persoas posible, dado que aínda se manteñen as medidas de seguridade e distancia que dita a loita conta a pandemia, e a estas galas adoitan acudir sempre un importante número de familiares e amigos do alumnado.

Tamén co obxectivo de que chegue ao maior número de persoas posibles, o segundo pase da Gala retransmitirase por streaming ás 20:00 horas. As persoas que desexen vela a través desta opción, poden facelo picando neste enlace.

Cartaz

Multimedia

  • cartaz