Pestanas principais

As familias numerosas de Ames poden optar ata o 15 de xullo ás axudas para as súas unidades familiares

Luns, 20 de xuño de 2022

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 9 de xuño vén de aprobar a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do concello de Ames, que alcanzan unha contía total duns 110.000 euros. As subvencións, que poden chegar a un máximo de 1.200 euros por unidade familiar, buscan axudar ás familias con dificultades económicas, fixar poboación e favorecer o crecemento demográfico do concello. As persoas interesadas xa poden presentar as súas solicitudes na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, ata o venres 15 de xullo. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

Dende este sábado 18 de xuño e ata o venres 15 de xullo está aberta a convocatoria de axudas ás familias numerosas de Ames, cuxa contía ascende neste exercicio aos 110.000 euros, destinados ao apoio económico destas unidades familiares, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello. Neste senso, poden optar a estas subvencións as familias que teñan fixada a súa residencia habitual en Ames, con ao menos un ano de antigüidade ininterrompido,e que cumpran cos criterios de familia numerosa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou doutros organismos similares doutras comunidades autónomas.

Como máximo, cada unidade familiar poderá recibir ata 1.200 euros, dependendo da renda e da cantidade de membros da familia. Deste xeito, as familias solicitantes non deberán superar os 14.108,01€ anuais, no caso de teren 3 fillos, os 16.734,20€ no caso de teren 4, os 18.990,57€ de teren 5, os 21.168,97€ de teren 6, os 23.227,84 de teren 7 e os 25.274,65 de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73 adicionais por membro.

No caso de que un dos proxenitores se atope traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e non figure empadroado neste municipio, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e calquera outro documento que acredite a residencia efectiva. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Unha condición que tamén se lle aplica ás titoras e titores de menores de idade. De ningunha forma, poderán ser beneficiarias destas axudas persoas privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos. Cando unha mesma ou mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, a axuda só será concedida á persoa que ostente a custodia.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse ata o venres 15 de xullo a través dos rexistros municipais do Concello, ben de xeito telemático na Sede electrónica do Concello de Ames, ou presencialmente nos rexistros municipais, entregando os correspondentes anexos cumprimentados e asinados.

Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre a tramitación desta convocatoria.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames destina 110.000 euros para ayudas a familias numerosas"

El Correo Gallego: "Cento dez mil euros para as familias numerosas"

As familias numerosas de Ames poden optar ata o 15 de xullo ás axudas para as súas unidades familiares