Pestanas principais

Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros

Xoves, 14 de agosto de 2025

Aproveitando os meses de verán e que non hai actividade lectiva na Escola Municipal de Música de Ames, estanse executando as obras de mellora do edificio da EMMA. As obras contemplan actuacións de substitución e mellora da cuberta do edificio e maila adecuación dunha estancia para as dependencias do persoal da Agrupación de Protección Civil no citado edificio.

Ditas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones D. Ogando SL por un importe de 245.302,01 euros (IVE incluído). Dita actuación está incluída na segunda fase do POS+ Adicional. Este proxecto foi aprobado no pleno ordinario do mes de xullo de 2024. 

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, visitaron as obras que se se están executando en Aldea Nova no edificio da Escola Municipal de Música de Ames, para ver como avanzan ditos traballos que se están realizando aproveitando os meses de verán e que non hai actividade lectiva na EMMA.

O obxecto de dita actuación é realizar diversas melloras no edificio que emprega o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, situado na urbanización de Aldea Nova. Tamén se está acondicionando unha estancia para a Agrupación de Protección Civil de Ames. Este edificio foi construído en 1996. As obras consisten na substitución do material de cubrición da cuberta e a adecuación dunha estancia existente para uso do espazo para os voluntarios/as de Protección Civil. 

O alcalde, Blas García, sinala que “dende o Goberno municipal apostamos de xeito firme pola Escola Municipal de Música de Ames, que vén de celebrar durante o pasado curso o seu 20 aniversario. Por iso estamos mellorando o edificio onde se imparte a actividade lectiva da EMMA. Estamos aproveitando os meses de verán para realizar estes traballos co obxectivo de que estean rematados o antes posible e que non afecten, ou o causen as mínimas molestias posibles, á actividade lectiva do vindeiro curso 2025-2026”.

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a cuberta quedará preparada para a creación dunha futura comunidade enerxética na urbanización de Aldea Nova. Dentro deste mesmo proxecto tamén se recolle a rehabilitación da vivenda, que adquiriu o Concello en Aldea Nova, para o persoal da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames”.

Características da obra
Na cuberta faise unha rehabilitación enerxética do espazo baixo cuberta, a través dunha manda de la de vidro e a incorporación de reixas de ventilación, para facilitar a eliminación de posibles condensacións. Durante a actuación retirarase o antigo amianto do tellado orixinal seguindo as directrices indicadas pola normativa vixente.

O edificio conta cun total de 12 locais, dos cales 7 son empregados polo alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Ames (aula 5: aula de profesorado; aula 6: aula de espera; aula 7: aula de música e movemento e linguaxe musical; aula 8: piano, guitarra e violín; aula 10: aula de agrupacións; aula 11: batería/percusión; e aula 12: canto, saxo e frauta). Durante o pasado curso houbo arredor de 175 alumnos/as matriculados na EMMA.

Por outra banda, a estancia existente no edificio ten a distribución e instalacións propias dunha vivenda. Aproveitase o existente dentro das limitacións por cambio de programa propoñendo unha mellora enerxética na envolvente interior a través de trasdosado illado e cambio de carpinterías con rotura de ponte térmico. Os sanitarios mantéñense os existentes con cambio de revestimento e pezas, así como a creación dun novo aseo accesible.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Comienzan las obras de la Escola de Música de Ames, que tendrá paneles fotovoltaicos"

El Correo Gallego: "Puesta a punto para la Escola de Música de Ames tras 20 años"

AMSGO!: "O edificio da EMMA recibe un lavado de cara por importe de máis de 245.000€"

Diario de Santiago: "Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música de Ames por valor de 245.302 euros"

Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros

Multimedia

  • Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros
  • Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros
  • Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros
  • Execútanse melloras no edificio da Escola Municipal de Música por valor de 245.302 euros