Pestanas principais

Está aberto o prazo para participar nas convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais

Mércores, 10 de xuño de 2020

O Concello de Ames aprobou, a través de decreto de Alcaldía, as bases da convocatoria de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais (exercicio 2019). O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas dúas liñas de axudas municipais xa está aberto. As solicitudes para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais poderán presentarse ata o 8 de xullo de 2020, mentres que para participar nas axudas para a promoción de festas populares o prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de xullo. As solicitudes poden presentarase na Sede electrónica do Concello.

Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais (exercicio 2019) destínase un total de 30.000 euros. A estas subvencións, poderán optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados. Cumpridas estas condicións, as asociacións poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades de índole cultural desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros.

Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público.

Por este motivo, non se subvencionarán aquelas actividades que teñan como único ou principal obxectivo a celebración dunha comida entre os membros da asociación, sen considerar como tales as festas de exaltación gastronómica. Tampouco se subvencionarán as viaxes que non acrediten o seu carácter eminentemente cultural; a realización de obras; e mailos gastos correntes (facturas de luz, teléfono, intereses  de contas bancarias...).

Promoción de festas populares
Para a promoción de festas populares durante este 2019, está destinada unha contía de 29.500 euros. A estas achegas económicas poderán optar aquelas asociacións culturais amesás, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Neste caso, o importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases.

No tocante a esta liña de axudas para a promoción de festas, o que se procura é a existencia dunha programación festiva estable, a participación activa da veciñanza nas festas, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello e a difusión da imaxe de Ames a partir das súa oferta festiva.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase na Sede electrónica do Concello. Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas dúas liñas de axudas municipais xa está aberto. As solicitudes para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais poderán presentarse ata o 8 de xullo de 2020, mentres que para participar nas axudas para a promoción de festas populares o prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de xullo.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 444 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE ACTIVIDADES LEVADAS A CABO POR ASOCIACIÓNS CULTURAIS

>>ACCEDE AO TRÁMITE DA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE FESTAS POPULARES

Imaxe da praza do Concello