Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames organiza xornadas de portas abertas o 12, 13 e 14 de setembro

Venres, 09 de setembro de 2022

De cara ao comezo do curso 2022-2023, a Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, abre as súas portas a todas aquelas persoas que estean interesadas en matricularse nalgunha das materias e especialidades que ofertan. Deste xeito, do luns 12 ao mércores 14 de setembro poderase acudir ás instalacións da escola, situadas no edificio multiusos de Aldea Nova, co fin de coñecer ao profesorado, ver as aulas ou resolver dúbidas. As clases no centro para o alumnado matriculado en xuño comezan o xoves 15 de setembro.

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) preparase para o comezo do curso 2022-2023 cunha serie de xornadas de portas abertas á veciñanza, co obxectivo de dar a coñecer a escola e as súas instalacións. A celebración destas xornadas, os días 12, 13 e 14 de setembro, coincide cos últimos días nos que o novo alumnado pode inscribirse no centro, xa que o prazo para facelo remata o xoves 15, o mesmo día no que arrincan as clases para o alumnado xa matriculado en xuño.

Os horarios das xornadas abertas, que se desenvolverán pola tarde, dependen da materia e especialidade musical. Para coñecer as clases de piano, pódese asistir o luns 12 e o martes 13, de 17:00 a 20:00 horas. No caso das especialidades de guitarra e violín-viola, poderanse visitar tamén o luns 12 e o martes 13, de 17:00 a 20:00, ademais do mércores 14, de 18:00 a 19:30 horas.

Por outra banda, a materia de frauta traveseira poderase coñecer o luns 12, de 17:30 a 19:30 horas, mentres que a de saxofón abrirá as súas portas o martes 13 á mesma hora, de 17:30 a 19:30 horas. No que respecta á percusión, poderase visitar o luns 12, de 17:00 a 20:00 horas, e o mércores 14, ás 18:00 horas.

Do mesmo xeito, poderase asistir ás clases de canto moderno o martes 13, de 17:30 a 19:30, e o mércores 14, de 18:00 a 19:30 horas. Ás de linguaxe musical poderán visitarse o martes 13, de 17:00 a 20:00 horas. Por último, as clases de música e movemento estará abertas á veciñanza o luns 12, de 17:30 a 19:00 horas.

Prazo para inscribirse na EMMA aberto ata o 15 de setembro

Ata o xoves 15 de setembro estará aberto o prazo para que novo alumnado presente as súas solicitudes de praza na Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao vindeiro curso 2022-2023. Este período de inscrición abre despois de que o alumnado que xa estivo matriculado o ano pasado puidera facelo o pasado mes de xuño.

Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán cubrir esta solicitude e entregala na Sede electrónica do Concello de Ames. A renovación poderase realizar tamén en calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Neste caso, para presentar a documentación de xeito presencial no rexistro municipal hai que solicitar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames.

A adxudicación de prazas farase por sorteo o mércores 21 de setembro ás 11:30 horas, na Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns. O sorteo farase tendo en conta a primeira especialidade solicitada polo alumnado. No caso de non obteren praza, quedarán en lista de espera da mesma especialidade, con opción á lista de reserva da segunda especialidade solicitada cando esta se esgote.

Ao rematar o sorteo, o persoal da EMMA porase en contacto coas persoas que obtiveron praza, para que confirmen o horario da especialidade que estea dispoñible. A continuación, terán de prazo ata o venres 30 de setembro para formalizar a matrícula, abonando o seu importe. Desta maneira, todo o alumnado que non estea exento de pagamento (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico coa autoliquidación da taxa correspondente. Unha vez pagada, deberán entregar o xustificante do pagamento, enviándoo ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

Para máis información, pódese poñer en contacto coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Está previsto que as clases na Escola Municipal de Música de Ames comecen para o novo alumnado na semana do 3 de outubro.

Alumnado da EMMA, nunha imaxe de arquivo de 2019

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames organiza xornadas de portas abertas o 12, 13 e 14 de setembro