Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames celebrará dous concertos de Entroido os días 7 e 9 de febreiro

Xoves, 01 de febreiro de 2024

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar, un ano máis, unha serie de actuacións co galo do Entroido. Nesta ocasión, terán lugar dous recitais: o primeiro, que se celebrará o vindeiro mércores, 7 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 19:00 horas, contará coa participación dos rapaces e rapazas máis cativos da escola, que están dando os seus primeiros pasos no mundo da música. Doutra banda, o venres, día 9, ás 20:00, actuarán no mesmo lugar aqueles que xa contan cunha ampla bagaxe musical. En total, participarán arredor de 120 alumnos e alumnas.

No concerto miúdo, o que terá lugar o día 7, interpretaranse un total de 15 pezas. O recital dará comezo coa actuación do grupo de música e movemento, que tocará “O pirata mete pata” e “A camiño de Viseu” con percusión corporal. Pola súa banda, o alumnado de linguaxe musical interpretará un minuetto.

A continuación, a agrupación de violín tocará “Ilduara”, “A raíña” e “Scooby Doo”; mentres que o grupo de piano tocará “All of me”, de John Legend. Os rapaces e rapazas da agrupación de canto e piano interpretarán “Elastic” e “Bohemian Rapsody”, de Queen,  mentres que o combo de voces adultas cantará “I will follow him”.

Na quenda do alumnado de guitarra, os espectadores poderán gozar de “Chocolate”, “Blue suede shoes” e “Black magic woman”. Finalmente subirán ao escenario o combo folk, para interpretar “Scarborough fair” e “Rumba de Cuba” e os combos de voces eda EMMA, que amosarán a interpretación de “Aquí en nunca jamás”.

Recital do venres 9
Por outro lado, o día 9 daráselle continuidade ás actuacións, desta vez de man do alumnado que conta con máis experiencia e bagaxe musical. Abrirá o recital o grupo de piano, que interpretará “Someone like you”. A continuación, a agrupación de frauta tocará “Mi gran noche”, seguida da agrupación Pesadillas de Aga cos temas “Dragon Ball” e “Fiesta Pagana”.

A continuación, o combo da EMMA e o combo de voces cantarán “Aquí en Nunca Jamás. Pola súa banda, o grupo de música para adultos e o combo Nunca é Tarde interpretarán unha poliritmia vocal e o tema “La Bamba”, respectivamente.  

Na quenda dos combos de iniciación, xuvenil de de adultos, cada un deles interpretará un mínimo de dous temas: o combo de iniciación traerá “Moriría por vos” e Wonderful world”; o combo xuvenil interpretará“Tenía tanto que darte”, “Adiós ríos, adiós fontes” e “Sweet child”; e o combo de adultos taerá “Se me olvidó otra vez”, “Respeat”, “Tempestades de tal” e “Eye of the tiger”.

A Escola Municipal de Música de Ames celebrará dous concertos de Entroido os días 7 e 9 de febreiro

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames celebrará dous concertos de Entroido os días 7 e 9 de febreiro