Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames anuncia prazas libres para novo alumnado

Mércores, 01 de decembro de 2021

A EMMA ofrece ata trece prazas nas disciplinas de música e movemento, batería e percusión, violín e viola, canto moderno e frauta traveseira, ás que as novas alumnas e alumnos se incorporarán na semana do 10 de xaneiro. As inscricións para estas vacantes están abertas dende este xoves 2 de decembro, ata cubrir prazas. É requisito indispensable estar empadroado no concello de Ames e presentar o formulario de inscrición, a través da sede electrónica do concello ou presencialmente nos rexistros municipais, para os que se pode pedir cita previa.

As prazas ofertadas neste mes de decembro son unhas trece, repartidas entre as dúas materias que se imparten nas instalacións do Edificio Multiusos de Aldea Nova. Por unha banda, están vacantes dúas prazas para as clases de música e movemento, dirixidas á rapazada dos catro aos sete anos. Neste caso, queda un oco no grupo de nados no 2015 e outro no de 2017. Por outra parte, están dispoñibles ata once prazas nas especialidades instrumentais ou vocais, que cursan rapaces e rapazas a partir dos sete anos. Quedan libres tres prazas en batería e percusión; dúas no grupo de violín e viola; dúas en canto moderno e catro en frauta traveseira.

As inscricións están abertas dende este xoves 2 de decembro, presentando un formulario dispoñible nesta ligazón. O documento inclúe catro impresos, que deben entregarse cumprimentados na sede electrónica do concello de Ames, ou ben de maneira presencial nos rexistros municipais. A solicitude de inscrición debe incluír os datos do alumno ou alumna; autorización de nai, pai ou persoa titora (no caso de menores de idade); cursos escollidos e bonificacións xustificadas; domiciliación bancaria e autorización de uso da imaxe.

A adxudicación das prazas realizarase por orde de rexistro de entrada das solicitudes. Para o reparto das vacantes terase en conta a primeira especialidade seleccionada, pasando á lista de agarda no caso de non obter praza, e entrando na lista de reserva da segunda especialidade cando esta se esgote. Dende a propia EMMA poranse en contacto coas persoas que obteñan praza, para así formalizar a matrícula.

O comezo das clases está previsto para a semana do 10 de xaneiro de 2022, e impartiranse no Edificio Multiusos de Aldea Nova. Durante o curso seguirase o calendario escolar, con paradas de actividade nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa.

Para máis información sobre este novo período de inscrición, pódese chamar ao teléfono 981 535 940, escribir un correo ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal, ou asistir presencialmente á Casa da Cultura do Milladoiro, de 9:00 a 14:00 horas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "As trece prazas libres na escola de música inclúen viola, violín, canto, frauta ou batería"

AMSGO!: "A Escola Municipal de Música de Ames anuncia prazas libres"

A Escola Municipal de Música de Ames anuncia prazas libres para novo alumnado

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames anuncia prazas libres para novo alumnado