Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre un novo prazo de inscrición para as prazas que quedaron libres

Mércores, 21 de xaneiro de 2026

A Escola Municipal de Música de Ames abre un prazo extraordinario de inscrición para que as persoas que estean interesadas poidan inscribirse nas prazas que quedaron libres para o curso 2025-2026. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais. Ao tratarse dun prazo extraordinario, as prazas asignaranse por orde de rexistro de entrada.

Coa chegada do novo ano, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) anuncia novas prazas vacantes para esta segunda metade do curso 2025-2026. Para poder inscribirse, as persoas interesadas deberán acudir á Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben visitar os rexistro municipais. 

Prazas dispoñibles 
-Música e movemento nados no 2020; horario luns e mércores de 16.30 a 17.30 horas: 10 prazas libres. 
-Música e movemento, nados no 2021; horario luns e mércores de 17.30 a 18.30 horas: 8 prazas libres. 

Nestas clases dirixidas aos máis pequenos, os contidos e obxectivos a acadar son, entre outros:
• A discriminación auditiva das distintas características do son.
• Un repertorio de cancións infantís, populares e tradicionais.
• Hábitos de escoita e descubrimento do mundo sonoro.
• Actividades rítmicas que desenvolvan aspectos psicomotrices.
• Introdución ás figuras rítmicas básicas así como á notación musical. 

-Guitarra: 2 prazas. 
-Violín: 1 praza. 

As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola. Poderán cursalas alumnos e alumnas de 7 anos en diante.

-Linguaxe musical/música para adultos: As prazas destas especialidades serán cubertas principalmente con persoas que cursen especialidade instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles. Os horarios desta materia os poñerá a profesora tendo en conta a idade e os coñecementos dos alumnos/as.

Proceso de inscrición
Para a inscrición, deberanse presentar catro impresos correctamente cubertos nos que se indicarán os datos do ou da alumna interesada, así como o instrumento e a autorización paterna ou materna no caso de ser menor; os prezos de matrícula, mensualidades e bonificacións con xustificante; a domiciliación bancaria para o pagamento das cotas mensuais; e a autorización de imaxe. 

O prazo de inscrición xa está aberto, e dado que é un prazo extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de rexistro de entrada. Unha vez comunicada a praza, os alumnos e alumnas terán ata o próximo día 30 de xaneiro para confirmar e formalizar os pagos. As clases comezarán no mes de febreiro.

A Escola Municipal de Música de Ames abre un novo prazo de inscrición para as prazas que quedaron libres