Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre un novo prazo de inscrición extraordinario para o curso 2023-2024

Sábado, 09 de decembro de 2023

O vindeiro luns, 11 de decembro, comeza o prazo para inscribirse nas prazas que quedaron libres na Escola Municipal de Música (EMMA), para o curso 2023-2024. As vacantes son nas disciplinas de música e movemento, percusión e batería, e frauta traveseira. Aqueles que aínda estean interesados en participar nalgunha destas modalidades poderán inscribirse cubrindo esta ficha e enviándoa a través da Sede electrónica do Concello ou entregándoa nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (en Bertamiráns e no Milladoiro). Ao ser un prazo extraordinario de inscrición as prazas adxudicaranse por orde de entrada da solicitude en rexistro.

A Escola Municipal de Música de Ames abre un novo prazo de inscrición extraordinario para o curso 2023-2024. Deste xeito, fai públicas as vacantes que aínda quedan dispoñibles:

Prazas dispoñibles:
-Música e movemento (nacidos no ano 2017):
Luns e mércores (en horario de 16:30 a 17:30 horas): 1 praza
-Música e movemento (nacidos no ano 2018):
Luns e mércores (en horario de 17:30 a 18:30 horas): 7 prazas
-Frauta traveseira:
Venres (en horario de 17:00 a 17:30 horas): 1 praza
Venres (en horario de 17:30 a 18:00 horas): 1 praza
Venres (en horario de 19:00 a 19:30 horas): 1 praza
-Batería/percusión:
Mércores (en horario de 17:00 a 17:30 horas): 1 praza

A actividade de Música e Movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.

As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola.

Inscricións

As vacantes poderán completarse ao longo do curso escolar. Os/as interesados/as deben cubrir a ficha de inscrición e enviala a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén pode facerse nos rexistros municipais ou a través de calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude en rexistro.

O alumnado que reciba confirmación de que obtivo unha praza deberá confirmala pagando o importe da matrícula nos cinco días posteriores á confirmación. Para facelo, recibirá a través do seu correo electrónico unha folla de auto-liquidación, que tamén se pode recoller na oficina de recadación do Concello de Ames ou na propia oficina da Escola de Música na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez pagada a matrícula, débese enviar o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

Comezo das clases e información
As clases comezarán o 8 de xaneiro e impartiranse  no Edificio Multiusos de Aldea Nova. Seguirase o calendario escolar, polo que non haberá clases nas vacacións de Nadal, de Entroido e de Semana Santa.

Para máis información pódese chamar ao teléfono da Escola Municipal de Música, o 981 535 940, enviar un correo ao enderezo  escolademusica@concellodeames.gal, ou acudir á Casa da Cultura do Milladoiro en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Actuación da EMMA

Multimedia

  • Cartaz prazas libres na EMMA