- Tematica
Este xoves, 1 de outubro, abre un novo prazo extraordinario para a solicitude das prazas que quedaron libres para o vindeiro curso 2026-2027. Ao ser un período extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de rexistro de entrada. As solicitudes poderán facerse a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais. As materias nas que aínda quedan prazas dispoñibles son música e movemento, violín, frauta, batería/percusión e piano.
Tras abrir un período de renovación de matrícula e de novas altas, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), fai públicas as prazas que aínda quedan libres de cara ao vindeiro curso 2026-2027. Ditas prazas serán adxudicadas por orde de entrada en rexistro. O alumnado que obteña a praza será contactado e poderá formalizar a súa matrícula a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.
As persoas interesadas deberán entregar catro impresos cubertos:
-Impreso 1: datos do alumno/a, instrumento e autorización paterna/materna se é menor.
-Impreso 2: marcando os cadros correspondentes (prezos de matrícula, mensualidades, bonificacións con xustificante).
-Impreso 3: domiciliación bancaria para o pagamento das cotas mensuais.
-Impreso 4: autorización de imaxe.
Para confirmar a praza deberá abonarse o importe da matrícula unha vez que esta estea adxudicada. Para iso, recibirán por correo electrónico (ou poderán pasar pola oficina de recadación do Concello de Ames ou pola oficina da Escola de Música situada na Casa da Cultura do Milladoiro) a folla de autoliquidación da taxa da matrícula. Unha vez pagada, deberán enviar o xustificante do pagamento por correo electrónico ao enderezo: escolademusica@concellodeames.gal.
Prazas libres para o curso 2026-2027
As materias nas que aínda quedan prazas dispoñibles son música e movemento, violín, frauta, batería/percusión e piano.
-Música e movemento (ano de nacemento 2020): Luns e mércores 16:30-17:30h: 5 prazas
-Música e movemento (ano de nacemento 2021): Luns e mércores 17:30-18:30h: 6 prazas.
-Música e movemento (ano de nacemento 2022): Luns e mércores 18:30-19:30h: 5 prazas.
-Violín: 2 prazas.
-Frauta: 2 prazas.
-Batería/percusión: 1 praza.
-Piano: 2 prazas.
Linguaxe musical e música para adultos
As prazas das especialidades de linguaxe musical e música para adultos serán cubertas principalmente con persoas que cursen especialidade instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles. Os horarios desta materia poñeraos a profesora tendo en conta a idade e os coñecementos do alumnado.
A actividade de música e movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.
As clases da EMMA comezaron o pasado 14 de setembro e impártense no Edificio Multiusos de Aldea Nova. Durante o curso séguese o calendario escolar, polo que non haberá clases nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa. Toda a información referente a escola envíase a través da aplicación TOKAPP, polo que é preciso descargala no número de teléfono indicado na solicitude.





