Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre o vindeiro xoves o prazo de renovación de praza para alumnado matriculado neste curso

Luns, 29 de abril de 2024

A partir do vindeiro xoves, 2 de maio, estará aberto o prazo para que o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames  (EMMA) poida renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2024-2025. A solicitude poderase realizar ata o venres 10 de maio, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude de renovación de praza.

A Escola de Música de Ames (EMMA) abre do 2 ao 10 de maio o prazo de renovación de matrícula de cara ao vindeiro curso 2024-2025, dirixido ao alumnado que se atope cursando estudos na escola. Pola súa banda, o alumnado de novo ingreso poderá inscribirse a finais de maio ou comezos de xuño (publicaranse posteriormente as datas exactas).

Desta maneira, todo o alumnado que non estea exento de pagamento de matrícula (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico dos Servizos de Recadación do Concello de Ames coa autoliquidación da taxa correspondente, e terá de prazo para o seu pagamento ata o 10 de maio.

Para a renovación da praza as persoas interesadas deberán cubrir o impreso de solicitude e entregala na Sede electrónica do Concello de Ames, dirixida á Concellaría de Cultura - Escola Municipal de Música de Ames; ou ben facelo de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. A renovación poderase realizar tamén en calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

O alumnado que por idade remata a materia de Música e Movemento está citado o día 15 de maio, ás 17:00, na aula 7 das instalacións da EMMA, para realizar a adxudicación de prazas. Esta adxudicación será por sorteo, ao que será imprescindible asistir para elixir praza e horario.

Para obter máis información pódese contactar coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Fin de curso e Encontro das Escolas de Música
Dende a EMMA aproveitan para lembrar que as clases do curso 2023-2024 rematan o 21 de xuño, e que o xoves 20 de xuño, terá lugar o concerto de fin de curso no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento súmase á terceira edición do Encontro de Escola Municipais de Música. A xuntanza terá lugar na praza de Chavián, en Bertamiráns, ás 18:30 horas.

Deste xeito, a EMMA celebra o vindeiro venres, 3 de maio, o terceiro encontro de escolas municipais de música, “Música na praza”. Nel, a comunidade educativa da escola musical amesá recibirá aos centros de Carnota e Caldas de Reis. O encontro é unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e as familias doutros concellos. Este é o terceiro ano no que a EMMA organiza unha xuntanza deste tipo, posto que en abril do pasado ano xa se desenvolveu unha iniciativa similar, que contou coa participación de diversos grupos musicais das escolas da contorna de Ames, entre os que estaban as escolas de O Grove e Negreira.

A Escola Municipal de Música de Ames abre o vindeiro xoves o prazo de renovación de praza para alumnado matriculado neste curso