Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre o vindeiro martes o prazo de renovación de praza para alumnado matriculado neste curso

Venres, 28 de abril de 2023

A partir do vindeiro martes, 2 de maio, estará aberto o prazo para que o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames  (EMMA) poida renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2023-2024. A solicitude poderase realizar ata o xoves 11 de maio, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude de renovación de praza.

A Escola de Música de Ames (EMMA) abre do 2 ao 11 de maio o prazo de renovación de matrícula de cara ao vindeiro curso 2023-2024, dirixido ao alumnado que se atope cursando estudos na escola. Pola súa banda, o alumnado de novo ingreso poderá inscribirse no mes de xuño (publicaranse posteriormente as datas exactas).

Desta maneira, todo o alumnado que non estea exento de pagamento de matrícula (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico dos Servizos de Recadación do Concello de Ames coa autoliquidación da taxa correspondente, e terá de prazo para o seu pagamento ata o 11 de maio.

Para a renovación da praza as persoas interesadas deberán cubrir esta solicitude e entregala na Sede electrónica do Concello de Ames, dirixida á Concellaría de Cultura - Escola Municipal de Música de Ames; ou ben facelo de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. A renovación poderase realizar tamén en calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

O alumnado que por idade remata a materia de Música e Movemento está citado o día 15 de maio, ás 19:15, na aula 7 das instalacións da EMMA, para realizar a adxudicación de prazas. Esta adxudicación será por sorteo, ao que será imprescindible asistir para elixir praza e horario.

Para obter máis información pódese contactar coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Fin de curso
Dende a EMMA aproveitan para lembrar que as clases do curso 2022-2023 rematan o 21 de xuño, e que o venres anterior, o 16 de xuño, terá lugar o concerto de fin de curso na praza de Chavián (Bertamiráns). O evento súmase ao encontro de escolas musicais que se celebrará esta tarde no Milladoiro (premendo nesta ligazón pódese obter máis información).

Información sobre a renovación de prazas na EMMA