- Tematica
Desde o luns 1 de setembro, e ata o vindeiro día 9, estará aberto o prazo de inscrición extraordinario da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao curso 2025-2026. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.
Tras abrir un período de renovación de matrícula e de novas altas, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), fai públicas as prazas que aínda quedan libres de cara ao vindeiro curso 2025-2026. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada en rexistro. O alumnado que obteña a praza será contactado e poderá formalizar a súa matrícula ata o 9 de setembro.
A actividade de Música e Movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.
As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola.
Prazas dispoñibles
Nesta última quenda de inscrición, quedan libres as seguintes prazas:
• MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2020): Luns e mércores (en horario de 16:30 a 17:30): 9 prazas.
• MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2021): Luns e mércores (en horario de 17:30 a 18:30): 9 prazas.
• MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2019): Luns e mércores (en horario de 18:30 a 19:30): 1 praza.
• SAXOFÓN: 2 prazas.
• CANTO MODERNO: 1 praza.
• LINGUAXE MUSICAL/MÚSICA PARA ADULTOS: estas especialidades están dirixidas principalmente a persoas que cursen unha materia instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical, poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles. Os horarios serán decididos pola docente tendo en conta a idade e os coñecementos dos/as alumnos/as.
Para matricularse nas especialidades instrumentais ou vocal e en linguaxe musical, haberá que ter un mínimo de 7 anos cumpridos no 2025.
Solicitude e adxudicación de prazas
As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das clases dispoñibles deben cubrir esta solicitude e entregala a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode facer nos rexistros municipais ou a través de calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Ao tratarse dun prazo extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de entrada das solicitudes. Dende a escola poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza para que, nun espazo breve de tempo, confirmen o horario da especialidade instrumental, dentro dos que haxa dispoñibles.
Os alumnos/as que obteñan prazas deberán confirmala pagando o importe da matrícula. A data límite será o 9 de setembro. Para facelo, recibirán a través do seu correo electrónico unha folla de auto-liquidación, que tamén se pode recoller na oficina de recadación do Concello de Ames ou na propia oficina da Escola de Música na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez pagada a matrícula, débese enviar o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.
As clases seguirán o calendario escolar, de xeito que non se impartirán as materias nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa. Para máis información, o horario de atención na Casa da Cultura do Milladoiro é de 9.00 a 14.00 horas, pódese chamar ao teléfono 981 535 940 ou tamén mandar un correo ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de inscrición extraordinario para o curso 2025-2026"





