Pestanas principais

As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro poden solicitar axudas para realizar actividades ata o 25 de maio

Luns, 16 de maio de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o 25 de maio continúa aberta a convocatoria de de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2021, a contía total volve a acadar os 60.000 euros, un aumento do 50% con respecto ao previsto no plan de subvencións 2020-2022. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

Dende o 26 de abril e ata o 25 de maio están dispoñibles para a súa solicitude as axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, que neste exercicio ascenden aos 60.000 euros, mantendo a suba realizada en 2021 e superando nun 50% á cantidade prevista no Plan Estratéxico de subvencións 2020-2022.

O Concello de Ames busca deste xeito favorecer a posta en marcha de actividades de carácter básico e social complementarias ao labor xa realizado a través dos servizos sociais do Concello, ademais de continuar a súa colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, nun período marcado pola situación económica e social derivada da crise epidemiolóxica da Covid-19, o conflito bélico en Ucraína e o incremento de prezos da enerxía e doutros bens de primeira necesidade.

Os obxectivos desta liña de axudas son a promoción da inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a potenciación da saúde pública, ou a formación básica e laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional.

No exercicio 2021 nove entidades beneficiáronse destas subvencións, obtendo un total de 57.650 euros que serviron para promover un total de 14 proxectos, que trataron temas como a educación emocional ou o acompañamento integral, e que serviron para cubrir necesidades básicas como o acceso á vivenda.

Entidades destinatarias e presentación de solicitudes

Poderán optar a estas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no Concello de Ames.

As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro deben estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia e atoparse ao corrente no momento da solicitude e do pagamento no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, e Concello de Ames, así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lle fora concedida unha prórroga.

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR), en cumprimento do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de que unha entidade solicite a subvención para varios proxectos deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de actuación. O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o próximo mércores 25 de maio.

Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre a tramitación desta convocatoria.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Suba nas subvencións amesás para entes de iniciativa social"

Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro