Pestanas principais

A EMMA celebra o vindeiro 20 de xuño o seu concerto de fin de curso

Luns, 17 de xuño de 2024

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar, un ano máis, o seu tradicional concerto de fin de curso. O recital terá lugar o venres, 20 de xuño, a partir das 19:30 horas. Celebrarase na pista de fútbol sala do Milladoiro (ao lado das piscinas). Nel, os rapaces e rapazas que ao longo de todo o ano estiveron asistindo ás diversas formacións que ofrece a escola poderán mostrar todo o aprendido. En total, participarán arredor de 100 persoas.

O concerto dará comezo coa actuación da agrupación M&M, que interpretará a “Marcha turca” de Mozart. A continuación, L&M tocará a peza “O que queremos nós”.

Tras unha pequena presentación, será a quenda da agrupación de violín de iniciación, Jóvenes Águilas, conformada por quince violíns e 2 frautas. Interpretará a peza “Arándanos”. Pola súa banda, a agrupación de frautas tocará “Still loving you”.

A agrupación de guitarras interpretará dúas pezas, “Sunny” e “Europa”. Deseguido, a agrupación de violíns Pesadillas de Aga tocará “Take on me” e “Jovano Jivanke”, con nove violíns, unha frauta e dous saxos. Pola súa banda, o combo de iniciación interpretará “La playa” e “I’m still standing”

Posteriormente será a quenda do combo Nunca é tarde co tema “Uptow girl”, con dúas guitarras, un piano, unha batería, un saxo, unha frauta e un vocalista. Polo seu lado, o combo de folk interpretará varios temas de música tradicional galega (cun baixo, unha guitarra, un tambor e un bombo tradicionais, e catro saxos).

As dúas cancións escollidas polo combo dos xoves para o festival son “La senda del tiempo” e “Fly me to the moon”, que intepretarán con piano, dúas guitarras, saxo e unha voz. Por outra parte, a agrupación de guitarras tocará “Ain’t no sunshine” e “I shot the cherif”, mentres que o combo de voces, que estará acompañado por sete ukeleles, intepretará “You are the sunshine” e “Camina”.

O festival continuará coa actuación conxunta do combo da EMMA e o combo de voces, que interpretarán “Valiente” (cun teclado, guitarra, baixo, batería, oito vocalistas, frauta e caixón). Pola súa banda, o combo xuvenil terá ocasión de mostrar outras dúas pezas: “The final countdown” e “Set it all free”, con dous teclados, dúas guitarras, baixo, batería e un vocalista.

Tras a despedida terá lugar a actuación do combo de adultos, que interpretará “The loneliest” e “Every breath you take”, con teclado, guitarra, baixo, batería, caixón, dous vocalistas e saxo. O recital rematará sobre as 21:10 horas.

A EMMA celebra o vindeiro 20 de xuño o seu concerto de fin de curso

Multimedia

  • A EMMA celebra o vindeiro 20 de xuño o seu concerto de fin de curso