- Tematica
O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra desde o luns, 8 de xuño, cinco xornadas de audicións previas ao seu concerto de fin de curso, que terá lugar o 17 de xuño, na pista de fútbol sala do Milladoiro, que se atopa ao carón das piscinas descubertas e da Casa da Cultura. Os estudantes de batería/percusión, guitarra, canto e frauta, saxofón, e de piano, mostrarán o aprendido ao longo do curso a familiares e amizades. As audicións desenvolveranse sempre en horario de tarde, na aula 10 da propia EMMA.
A Escola Municipal de Música encara o final do curso cunha serie de actuacións que comezarán o luns, 8 de xuño, e que se estenderá ata o 19 de xuño, uns días antes do peche do período lectivo. Ademais, o mércores 17 de xuño, ás 19:30 horas, realizarase o concerto de fin de curso, que terá lugar na pista de fútbol sala do Milladoiro, que se atopa ao carón das piscinas descubertas e da Casa da Cultura.
Os/as profesores/as encargados/as do desenvolvemento destas actuacións son Amaury Quintero, Antonio Bravo, Belén Tajes, Noelia Ramos, Sergio Piñeiro, Merran Laginestra e Manuel Sampedro. As audicións terán lugar na aula 10 da Escola Municipal de Música de Ames, situada na rúa Costaneira, no centro multiusos de Aldea Nova, sempre en horario de tarde e non antes das 17:00 horas.
Os alumnos e alumnas interpretarán diversas pezas de diferentes estilos musicais antes as súas familias, compañeiros e amizades. Tamén poderán asistir a estas audicións aquelas persoas que queiran coñecer o funcionamento da escola e ver o traballo que alí se realiza.
Cinco xornadas de audicións
O alumnado de batería/percusión será o encargado de arrincar as audicións, o luns 8 de xuño, ás 18:00 horas. O día seguinte, o martes 9 de xuño, terán lugar as actuacións de guitarra, ás 17:00 horas.
O xoves, día 11, será a quenda da audición de canto e frauta, que se desenvolverá a partir das 17:00 horas. A seguinte semana, o martes 16 de xuño, ás 18.00 horas, realizaranse as audicións de saxofón.
Por último, as audicións de piano serán en dúas xornadas, o martes 16, ás 19.00 horas (alumnado de luns e martes) e o venres 19, ás 19.00 horas (alumnado de xoves e venres).






