Pestanas principais

A EMMA celebra catro audicións durante o mes de febreiro

Sábado, 24 de xaneiro de 2026

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra durante o vindeiro mes de febreiro catro audicións na aula 10 da escola. Os estudantes de guitarra, batería/percusión, saxofón, canto e frauta mostrarán o aprendido nesta primeira metade de curso a familiares e amizades. As audicións desenvolveranse sempre en horario de tarde os días 4, 9, 10 e 12 de febreiro.

A Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, organiza estas audicións, previas aos concertos de entroido, para que os alumnos e alumnas mostren aos seus achegados os coñecementos adquiridos durante esta primeira metade de curso académico. Os profesores responsables das actuacións serán Antonio Bravo, Amaury Quintero, Sergio Piñeiro, Belén Tajes e Noelia Ramos. 

As audicións da Escola Municipal de Música de Ames constitúen unha parte fundamental do proceso formativo do alumnado, xa que son unha oportunidade para compartir co público o traballo realizado ao longo do curso e para vivir a experiencia do escenario como espazo de aprendizaxe, expresión e encontro. 

O primeiro concerto será o dos alumnos e alumnas de guitarra, o vindeiro mércores 4 de febreiro dende as 17.00 horas. A seguinte quenda será para o alumnado de batería e percusión, o luns 9 ás 18.30 horas. Ao día seguinte, o martes 10, ás 18.00 horas tocaralles aos rapaces e rapazas de saxofón. E por último, pechando a programación, o xoves 12 exhibiranse os alumnos e alumnas de canto e frauta, dende as 17.30 horas. Todas as audicións celebraranse na aula 10 da escola.
    
Nestes concertos participan alumnos e alumnas de distintos instrumentos e niveis, desde as primeiras etapas de formación ata cursos máis avanzados. Cada interpretación reflicte o esforzo individual, o acompañamento do profesorado e a evolución musical de cada estudante. 

Estas audicións non teñen un un carácter competitivo, senón educativo e formativo, favorecendo a confianza, a escoita activa e o respecto polo traballo propio e alleo. A través da música, foméntanse valores como a constancia, a disciplina e o pracer de compartir cultura.

A EMMA celebra catro audicións durante o mes de febreiro

Multimedia

  • A EMMA celebra catro audicións durante o mes de febreiro