- Tematica
Como parte da programación do mes das letras, o venres 20 de maio a Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, organiza un encontro coas escolas de música de Negreira e Brión na praza de Chavián, en Bertamiráns, a partir das 19:30 horas. Trátase do primeiro dos dous encontros musicais que se celebran en maio, xa que o sábado 21 terá lugar tamén en Bertamiráns, na Casa da Cultura, un concerto–encontro das agrupacións de música e baile tradicional de Ames.
A EMMA celebra o próximo venres 20 de maio o primeiro encontro de escolas municipais de música, “Música na praza”, no que a comunidade educativa da escola amesá recibirá aos centros formativos de Negreira e Brión. É a primeira vez que a EMMA organiza un encontro deste tipo, “unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e familias de concellos veciños”, destacou a directora da EMMA, Pilar Martínez.
De cada unha das tres escolas de Ames, Brión e Negreira participarán diferentes agrupacións musicais, formadas por alumnado que comparte franxa de idade ou instrumentos. Deste xeito, as persoas que representarán á EMMA serán o combo de maiores, o combo xuvenil e a agrupación de violíns. Pola súa banda, das escolas municipais invitadas participarán catro agrupacións de Brión e a Banda infantil de Negreira, formada por 20 alumnas e alumnos do seu centro formativo.
O encontro na praza de Chavián entre escolas municipais é a proposta máis recente das organizadas pola Escola Municipal de Música de Ames neste ano 2022, despois de que durante o mes de febreiro celebrasen audicións e o seu festival de Entroido, no que participou alumnado de todas as disciplinas da escola.
Do mesmo xeito, en abril e maio a EMMA vén realizando unha serie de obradoiros musicais de carácter introdutivo, que se están desenvolvendo os sábados en sesións únicas de dúas horas. Polo momento, xa se celebraron talleres de beatbox, de música tradicional galega e percusión miúda, e de canto moderno.
Neste senso, este sábado 21 de maio remata este ciclo formativo, cunha introdución á música afrocubana na que se presentarán os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá. O obxectivo é que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana, e que poidan iniciarse na práctica destes ritmos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Alumnos locais, de Negreira e Brión uniranse nun concerto"
Enfoques: "Las escuelas de música de Brión y Negreira se dan cita en la EMMA el próximo viernes"