Pestanas principais

A concelleira de Cultura visita a Escola de Música de Brión co obxectivo de coñecer outros modelos de funcionamento

Venres, 12 de febreiro de 2021

A concelleira de Cultura, Natividade González, realizou este xoves, 11 de febreiro, unha visita á Escola de Música de Brión co obxectivo de coñecer outros métodos de traballo, funcionamento e instalacións, que se poderían incluír na Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Natividade González foi recibida pola concelleira de Cultura do Concello de Brión, Sandy Cebral. Nesta visita tamén participaron a técnica que coordina a EMMA, Almudena Caamaño, o director da Escola de música de Brión, Carlos Pintor Iglesias, e mailo director da Banda de música de Brión, Jorge Rey Barca. Proximamente, está previsto visitar as escola de música de Negreira e Ribadeo, entre outras.

A concelleira de Cultura do Concello de Ames, Natividade González, comezou este xoves, 11 de febreiro, unha serie de visitas a diversos concellos galegos para coñecer de primeira man outros modelos de funcionamentos do servizo de escola municipal de música. A primeira visita realizouna ao concello veciño de Brión, onde foi recibida pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral. Nesta visita tamén participaron a técnica que coordina a EMMA, Almudena Caamaño, o director da Escola de música de Brión, Carlos Pintor Iglesias, e mailo director da Banda de música de Brión, Jorge Rey Barca.

A idea da Concellaría de Cultura do Concello de Ames é coñecer outros métodos de traballo, funcionamento e instalacións, que poderían servir de referencia para mellorar a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Proximamente, está previsto visitar as escola de música de Negreira e Ribadeo, entre outras.

Deste xeito, na visita realizada a Brión, puideron coñecer o funcionamento pedagóxico da escola municipal de Brión, así como o modelo de teletraballo que realiza o persoal docente. O obxectivo é ampliar as referencias en canto á metodoloxía de traballo e á tecnoloxía que se emprega para impartir as clases de música, para realizar futuras melloras na Escola Municipal de Música de Ames.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que pretende dotar á EMMA duns medios avanzados para que o equipo docente poida impartir de xeito telemático, cando sexa preciso, as clases dende as aulas. Ademais, preténdese realizar obras de insonorización nas aulas cando sexa posible.

A EMMA continúa virtualmente
Dende o pasado 27 de xaneiro, a Escola Municipal de Música de Ames trasladou as súas clases presenciais ás diferentes aplicacións propostas polo profesorado para a interacción co alumnado, e á aplicación Tokapp, debido ás restricións que se manteñen activas polo menos ata o 17 de febreiro, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID- 19. O persoal docente imparte de xeito telemático as clases a través desta plataforma virtual. A maior parte do alumando está participando nas clases online.

Visita á Escola de Música de Brión