Pestanas principais

Comezan os obradoiros musicais da Escola Municipal de Música

Mércores, 10 de abril de 2024

A Escola Municipal de Música de Ames organiza durante este mes catro obradoiros musicais diferentes dirixidos a maiores de oito anos. Pensados para grupos de ata vinte persoas, inclúen propostas de batucada, música tradicional, teatro musical e home studio. Teñen un custe de 10 euros, e desenvolveranse nas instalacións da EMMA todos os sábados do mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

A EMMA vai realizar, un ano máis, unha serie de obradoiros musicais co obxectivo de fomentar entre a veciñanza amesá condutas saudables que contribúan na súa motivación cara a música e o lecer, e que propicien unha actitude activa e participativa, repercutindo así na mellora da súa calidade de vida.

Prazas libres en dous dos catro obradoiros
O primeiro obradoiro deste ciclo foi o de música tradicional, o sábado 6, impartido por Ramón Dopico. A proposta buscaba achegar á cidadanía a musica e o baile tradicional galego dun xeito accesible, dinámico e grupal.

O segundo dos cursos celebrarase o 13 de abril, e estará dirixido por Juanjo Abella López, profesor de música electrónica e tecnoloxía musical. Neste taller, a veciñanza aprenderá que é e como funciona un home studio, e descubrirá as amplas posibilidades que ofrece, desde a edición de son ata a produción de cancións propias. Neste caso, aínda quedan 4 prazas libres.

Manuel Díaz Abreu achegará aos participantes do terceiro obradoiro ás distintas disciplinas do teatro musical o 20 de abril: a interpretación, a danza, o movemento, a voz... Todo mediante xogos teatrais, nos que se traballarán esas disciplinas. Así, os participantes lograrán adquirir unha certa técnica e tamén aprender a improvisar. Hai 16 prazas dispoñibles.

O derradeiro obradoiro deste ciclo terá lugar o sábado 27 de abril, e estará dirixido pola asociación Trópico de Grelos. A proposta busca achegar á cidadanía á batucada, e experimentar a percusión dun xeito accesible, dinámico e grupal. Os participantes aprenderán así a relacionarse co instrumento a través de xogos rítmicos, entrando nun ambiente festivo que convida ao movemento e ao baile. Neste caso, o obradoiro está completo, polo que non quedan prazas libres. 

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Continúan los talleres musicales de abril en Ames"

Comezan os obradoiros musicais da Escola Municipal de Música

Multimedia

  • Comezan os obradoiros musicais da Escola Municipal de Música
  • Comezan os obradoiros musicais da Escola Municipal de Música
  • Comezan os obradoiros musicais da Escola Municipal de Música