- Tematica
Hoxe presentouse a programación de actividades de Amessán para o curso 2025-2026. Respecto á edición anterior, retómase o grupo na parroquia da Ameixenda. Así mesmo, a asociación Arcea-Adames e o local de JUPEMI no Milladoiro acollerán algunhas das actividades do programa. Ademais, no Milladoiro e en Bertamiráns impártense dúas novas actividades: calma e serenidade e canta troula. O programa Amessán inclúe unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con diversidade funcional. Impártense un total de 13 actividades en 14 lugares diferentes. As distintas actividades e obradoiros impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, A Ameixenda, Trasmonte, Oca, Augapesada, Bugallido, A Tarroeira, Cruxeiras, Tapia, Piñeiro, Lens a na Asociación Arcea-Adames. As actividades comezarán o 1 de outubro. Pódese consultar a programación completa de Amessán para o curso 2025-2026 nesta ligazón.
Chega un novo curso para o programa Amessán que, desta volta, inclúe dúas novas actividades que se impartirán no Milladoiro: calma e serenidade e canta troula. Así mesmo, retomouse o grupo na parroquia da Ameixenda, onde se vai impartir ximnasia terapéutica, e a asociación Arcea-Adames tamén acollerá dúas actividades: expresión artística e ximnasia terapéutica. Así mesmo, o local de JUPEMI no Milladoiro tamén acollerá varias actividades do programa.
Á presentación desta edición acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos; e Raquel Santalla, representante da empresa Esproade, concesionaria do servizo.
O alcalde, Blas García, destacou que “o programa Amessán é un dos que máis éxito ten todos os anos. O curso pasado tivemos que limitar a participación a persoas empadroadas no concello de Ames e aínda así houbo unha participación de 800 veciños e veciñas. Ames é un concello con moita poboación moza, pero este programa está dirixido a outra franxa de idade moi importante para este goberno municipal que son as persoas maiores, e este programa permítelles saír da casa para poder estar en contacto con outras persoas da súa idade e realizar actividades que melloran a súa calidade de vida. Este ano incluímos unha novidade para que os rapaces e rapazas de Arcea-Adames, no Milladoiro, poidan participar nas actividades de ximnasia de mantemento e expresión artística”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “un dos obxectivo é que o programa Amessán sexa un espazo de socialización para as persoas maiores de Ames e ademais serva para potenciar diferentes habilidades e mellorar aspectos da súa vida diaria. Haberá diferentes grupos principais nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro aos que tamén poden acudir as persoas que residen no rural. Ademais, impartiranse estas actividades nos diferentes locais sociais das parroquias do rural. Este ano como novidade crease un novo grupo na parroquia da Ameixenda e impártense novas actividades como Canta troula e Calma e serenidade. Tamén é importante que a veciñanza saiba que no momento da inscrición ten que presentar un volante de padrón, que poderán obter no momento da súa solicitude tan só presentando o seu DNI nos Rexistros municipais de Bertamiráns e do Milladoiro”.
Pola súa banda, o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, destacou que “este ano temos a novidade de achegarnos de novo á parroquia da Ameixenda. Ademais, incorporamos novas actividades como canta troula, unha actividade dedicada a recuperar esas cancións de taberna que se viñan a facer habitualmente no rural galego, e tamén incorporamos calma e serenidade, na que se pretende achegar algo de tranquilidade nestes momentos nos que, por exemplo, a saúde mental está tan á orde do día”.
Actividades do programa Amessán 2025-2026
Nesta edición mantéñense os obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como as clases de pandeireta e de guitarra. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, continuarán actividades que tiveron un gran éxito en edicións anteriores como a ximnasia terapéutica, musicoterapia, movemento terapéutico ou bailoterapia.
Así mesmo, retómase unha actividade que se realizou en edicións anteriores como é expresión artística. Ademais, nesta edición vanse impartir dúas novas actividades: calma e serenidade e canta troula. Por un lado, en calma e serenidade traballaranse técnicas de relaxación e ofrecerase un espazo no que poder desconectar, mentres que en canta troula, o eixo central da actividade serán os cantos de taberna.
Amessán é unha iniciativa destinada para as persoas maiores de 60 anos e as persoas cunha enfermidade crónica e/ou inhabilitadora, que conten cun informe dos Servizos Públicos de Saúde (que poidan realizar a actividade de forma independente).
As anotacións tamén poden realizarse de xeito presencial no Centro Social do Milladoiro, no local do antigo centro de saúde (os días 15 e 16 de setembro); ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (o 17 e 18 de setembro). O horario de atención en ámbalas dúas localizacións será de 16:00 a 20:00 horas. Para inscribirse é preciso acreditar o empadroamento no Concello de Ames achegando o volante de empadroamento. Os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.
A prazas iranse cubrindo por orde de inscrición, e haberá un número mínimo de persoas para crear grupos de cada actividade. Cada persoa poderá anotar a un máximo de 2 participantes (incluída ela mesma). Poderase facer unha inscrición nun máximo de 3 actividades (sen contabilizar musicoterapia e guitarra).












