Pestanas principais

Comeza o programa “Abril de cine” coa proxección do filme “Ons” de Alfonso Zarauza

Luns, 05 de abril de 2021

Este mércores, 7 de abril, comeza o programa Abril de cine, unha nova iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Cultura. Dito programa ponse en marcha no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección do filme Ons. Ademais, contarase coa presencia do director, Alfonso Zarauza, que participará nun faladoiro sobre o filme antes da súa proxección. Para ver esta película xa non quedan entradas dispoñibles. A seguinte sesión será o 14 de abril co filme A Illa das mentiras, na Casa da Cultura do Milladoiro. A terceira e última sesión realizarase o día 21 de abril, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste caso proxectarase o filme Trote. Todas as proxeccións serán ás 20.00 horas. A entrada é de balde e débese reservar o convite a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. Este programa está patrocinado pola Deputación da Coruña.

Os/as veciñas de Ames poden desfrutar coa proxección de tres películas galegas durante as sesións do programa Abril de Cine. Deste xeito, a programación cultural, na que habitualmente están representadas as tres disciplinas de teatro, danza e música, amplíase debido á nova iniciativa da Concellaría de Cultura. Vanse proxectar tres filmes de recoñecida calidade. Dúas delas, Ons e A illa das mentiras acaparan a maior parte das candidaturas finalistas nas 25 categorías dos XIX Premios Mestre Mateo. Ademais, o filme Trote tivo 12 candidaturas nos 33 Premios Goya de 2019.

Este novo ciclo arrancará coa película Ons, que se proxectará este mércores, 7 de abril, ás 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Antes da proxección haberá un faladoiro no que participará o director do filme, Alfonso Zarauza. Para ver esta película xa non quedan entradas dispoñibles. Prégase puntualidade porque as 20.00 horas comezará o faladoiro de Alfonso Zarauza. A continuación, iniciarase a proxección do filme. En todas as sesións de cine abriranse as portas dos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ás 19.45 horas.

Trátase dun drama no que Vicente e Mariña chegan á illa para pasar o verán. El vén dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas, e a viaxe será bálsamo para o seu matrimonio. A estancia prolóngase a petición del, e, secretos gardados empezan a aflorar.

Proxección de A Illa das mentiras e Trote
A seguinte sesión será o mércores, 14 de abril, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste caso proxectarase o filme A Illa das mentiras. Outro drama baseado nunha historia real dos anos 20. Un buque, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, fúndese fronte a illa de Sálvora. Tres mozas isleñas, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) y Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova pero comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles "casualidades".

O programa pecharase con Trote, na que se poderá ver escenas rodadas en Ames. Será o mércores, 21 de abril, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta película conta a historia dunha moza que vive nunha aldea nas montañas galegas xunto ao seu pai Ramón, co que apenas se comunica, e a súa nai enferma. Traballa nunha panadería e necesita escapar dese ambiente opresivo, pero as circunstancias sempre llo impediron.

A entrada para asistir a ver calquera destes tres filmes é de balde. Aínda así débese reservar o convite a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. Nestes intres quedan convites dispoñibles para asistir á proxección dos filmes A Illa das mentiras e Trote. Este programa está patrocinado pola Deputación da Coruña.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Suman el cine al programa cultural de Ames con ‘Ons’, ‘A illa das mentiras’ y ‘Trote’"

Cartel do programa Abril de cine

Multimedia

  • Cartel do programa Abril de cine