Pestanas principais

Co gallo da festividade das Letras Galegas, a empresa Feiraco pon en marcha o X Certame de Microrelatos e o II Concurso Artístico

Xoves, 06 de maio de 2021

“10 anos de leite con letras” é o lema elixido para o Certame de Microrelatos relatos da empresa Feiraco que este ano acada a súa décima edición. Poderán participar todos os galegos e galegas maiores de 13 anos. Para facelo hai que compartir as creacións a través da aplicación que está dispoñible na páxina oficial de Facebook. Ademais, a empresa convoca por segundo ano consecutivo o Concurso Artístico para rapaces e rapazas de infantil e primaria. Para participar, só é necesario subir unha foto da obra plástica á páxina oficial do concurso.

As obras que se presenten ao Certame de Microrelatos deben ser orixinais, estar escritas en galego e non superar os 500 caracteres, incluídos espazos. Outorgaranse tres premios: o primeiro consistente nunha funda block, elaborada pola artesá Cristina Valverde, da empresa Coiro Enxebre, ademais dun lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; o segundo e  terceiro premio consistirá en moedeiros de coiro fabricados pola mesma artesá, un lote de produtos de Feiraco e outro de libros, cedidos tamén pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os microrelatos deberán compartirse na páxina de Facebook da empresa. 

No Concurso artístico poderán participar nenos e nenas de infantil e primaria. Establécense dúas categorías: unha destinada a nenos e nenas de entre 3 e 6 (categoría infantil) e outra á rapazada que ten entre 7 e 12 anos (primaria). Para participar tan só será necesario subir unha foto das creatividades que queiran presentarse (artes plásticas, debuxos...) á páxina oficial do concurso en Facebook. A temática deberá estar relacionada coa festividade das Letras galegas. O gañador da categoría de primaria recibirá un pack de tres xogos fabricados polos artesáns galegos de produtos en madeira, da empresa WOOW Juguetes y Deco, un lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O gañador da categoría infantil recibirá un carricoche de vaquiña fabricado polos mesmos artesáns, un lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política.

Por outra banda, e como novidade, Feiraco lanza este ano unha promoción no punto de venda para conmemorar o Día das Letras Galegas. Esta promoción consiste en que pola compra dunha caixa de calquera das variedades de 6x1 Litro de Leite Feiraco, os consumidores poderán participar no sorteo de agasallos elaborados por artesáns galegos. Para participar, hai que subir un tiquet de compra á aplicación do sorteo de Feiraco.

Desde Feiraco queren contribuír así a pór en valor no só o idioma galego senón tamén a artesanía de Galicia.

Todas estas iniciativas estarán vixentes até o 31 de maio.

 

Cartaz