Pestanas principais

Celebrouse con éxito o Festival de Nadal de Amessan

Luns, 20 de decembro de 2021

Logo de que a situación de pandemia impedise as últimas celebracións da Festa de Amessan, a Casa de Cultura de Bertamiráns acolleu esta fin de semana o Festival de Nadal deste programa de envellecemento activo que organiza a concellaría de Benestar e Voluntariado. Os grupos de pandereteiras de Transmonte, Lens, Ameixenda, Bugallido e Oca amenizaron o evento. Ao remate das actuacións os/as asistentes ao acto degustaron un chocolate con rosca e tiveron a oportunidade de bailar ao son dunha selección de músicas realizada pola encargada da cafetería da Casa de Cultura.

As pandeireteiras de Trasmonte abriron o Festival de Amessan interpretando a Ribeirana de Liñares e o pasodobre de Berdeogas, ademais da panxoliña "O noso ruliño". Seguidamente subiron ao palco as pandeireteiras de Lens que interpretaron Muiñeira de Lira, Rumba de Painceiros e A virxe da Lava.

As pandeireteiras da Ameixenda interpretaron o Canto de Liñares e Ribeirana de Xesta, ademais da panxoliña Canto de Nadal. Após da súa actuación, chegou a quenda das pandeireteiras de Bugallido co Pasodobre de Pousadas, o valse das Cortellas e o Canto de Nadal de Cedeira. O grupo de Oca fixo o Canto de Cobas e agarrado e o Canto de Nadal da Peregrina.

Foi tal o entusiasmo do público e a emoción dos grupos por volver á facer a festa de xeito presencial que non quixeron  rematar sen antes subir todas ao escenario e tocar unha peza conxuntamente.

A festa de Amesán rematou cun chocolate con rosca que compartiron todos/as asistentes á festa e unha sesión de baile.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Luisa Feijóo manifestou que "foi unha ledicia poder escoitar e desfrutar novamente das nosas pandereteiras: Trasmonte, Lens, Ameixenda, Bugallido e Oca", ao tempo que agradeceu "o gran traballo que fan as/os monitores de Amessan, a tod@s os participantes sen os que todo isto non sería posible" e destacou o labor do responsable a Oficina do Voluntariado, Ruben Ramos como coordinador de "toda esta marabillosa loucura" e de todas as persoas que o axudan".

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Alumnas de Amessan, eufóricas tras retomar su fiesta presencial"

Festival de Nadal de Amessan

Multimedia

  • Festival de Nadal de Amessan
  • Festival de Nadal de Amessan