Pestanas principais

AmesOn programa para esta fin de semana 6 concertos en Milladoiro e unha obra de Teatro en Bertamiráns

Venres, 31 de xullo de 2020

O programa AmesON, a través do que o Concello traballa para para dinamizar a cultura e a economía en Ames durante os meses de verán, continúa a súa andaina esta fin de semana cun feixe de propostas. Milladoiro, que por mor da pandemia non poderá celebrar as súas festas este ano, acollerá un obradoiro de batucada, coches a pedais,  unha sesión vermú a cargo de 4Ta Base e as actuacións de Os Tocayos e DJ Federrato, Odaiko, A Roda e Son de Tres. Pola súa banda en Bertamiráns tamén haberá coches a pedais, un obradoiro para aprender a facer bolsas a medida e teatro con Federino Pérez e Pepo Suevos. Cómpre salientar que todas as actividades son de balde e que se desenvolverán co garante das normas de seguridade e hixiene que impón a loita contra a pandemia. Os aforos serán limitados para poder manter a distancia.      

Batucada, seis concertos e coches a pedais na rúa. O programa AmesON pon atención no Milladoiro nunha fin de semana na que, se as circunstancias o permitisen, o núcleo urbano máis grande de Ames festexaría á Santa María Madalena. Non haberá pasarrúas como adoita haber nas festas tradicionais. Emporiso, o grupo A Percutería desenvolverá entre as 19:00 e as 20:30 do venres un obradoiro de percusión de xeito que tambores, timbais e chocallos soarán nas mans de varios veciños e veciñas de Ames. Tampouco se instalarán as tradicionais barracas. Porén os coches a pedais farán a ledicia da rapazada o sábado, entre as 12:00 e as 14:00 horas na praza de Manuel Murguía.

Tres días de música no Milladoiro
O venres pola noite, no anfiteatro do Milladoiro, a partir das 22:30, actuarán  Os Tocayos e DJ Federrato. Los Tocayos son Diego Moreira, guitarrista da orquestra Paris de Noia, e Diego Barbazán, guitarrista e voz de en Fania Blanco Show. Os Diegos fan versións acústicas de temas de actualidade, clásicos do pop e do rock nacional e internacional e merengues, cumbias e bachatas. Con DJ Federrato chega ao anfiteatro do Milladoiro a poesía urbana e o rap.

A música comezará a soar o sábado no Milladoiro na sesión vermú programada para as 14:00 na praza de Manuel Murguía. Actuarán 4Ta Base. E na tarde noite, dous concertos na explanada da Casa da Cultura. Ás 21:00 horas, subirase ao palco o grupo de percusión contemporánea Odaiko. A fusión de sons de jazz, flamenco, folk e música tradicional de culturas como a indú ou a senegalesa, son a marca de identidade deste grupo que, con máis de 1.500 concertos ás súas costas, leva anos amosando as súas creacións nos festivais máis importantes do mundo. Desta volta traen “Vaia Banda! Vaia Circo!”, un espectáculo infantil acaido para toda a familia na que non faltan as acrobacias, os elementos circenses e a música virtuosa.

Após da actuación de Odaiko, os veciños e as veciñas do Milladoiro terán a oportunidade de cantar o “Heche un andar miudiño”, “O gato” e o “E pousa pousa” porque se sube ao escenario “A Roda”. 45 anos sobre as táboas, 16 discos, moitos premios e centos de concertos por todos os centros galegos de Europa e Latinoamérica avalían a traxectoria deste grupo que naceu dos cantos de taberna que adoitaban cantar un grupo de amigos polos bares do barrio vigués de Teis.

As actuacións musicais no Milladoiro rematarán o domingo ás 22:00 horas na praza da Madalena. “Música na noite” trae ao Milladoiro ao grupo Son de Tres.

O obradoiro “Fai a túa bolsa”, coches a pedais e teatro en Bertamiráns
O programa de fomento da cultura e o comercio de Ames AmesON, a través do que se organizan todas estas actividades, tamén levará os coches a pedais á rúa do Ameneiral na tarde do sábado, entre as 18:00 e as 20:00. Ademais,
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle entre as 11 e as 14:00 horas un obradoiro que leva por título “Crea a túa bolsa”. O obradoiro, que impartirá a artista plástica e directora da Escola de Debuxo e Pintura, Nuria Ruibal,  é de balde e está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

Despois, ás 22:00 horas, os actores e veciños de Ames Fede Pérez e Pepo Suevos porán en escena no Pazo da peregrina “A culpa é do sistema”. Fede e Pepo sóbense xuntos ao palco para falar de actualidade e para facelo á demanda do que o público lles pida. Porque os nosos veciños conciben a dinámica da obra como un diálogo continúo cos espectadores, de xeito que as persoas que acudan á cada función poderán escoller o tema que queiran para que Fede e Pepo improvisen e adapten os contidos  “á demanda do respectable”.

A Concelleira de Promoción Económica destacou a importancia destas actividades “que serven para dinamizar o noso comercio e a nosa hostalería nestes momentos nos cales se precisa máis que nunca o apoio da administración local para reactivar de novo a actividade nos sectores que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria ocasionada pola COVID19”. Ademais, Ana Paz, animoa á veciñanza a “seguir mercando no noso comercio e acudindo aos nosos locais hostaleiros, apostando dese xeito todas e todos polo noso comercio local”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, agradece aos veciñas e veciños de Ames “a súa participación e a boa acollida que están a ter as actividades que levamos desenvolvendo durante o mes de xullo, quero convidar a todos e todas que desfruten deste completo fin de semana, que hai espectáculos para todos os públicos, en distintos formatos, e aínda que a prudencia e cautela non nos permiten vamos a celebrar as festas da Madalena tal e como se viñan facendo, desde o Concello non queremos deixar de celebrar esta data, que era tan significativa para os veciños e veciñas de Milladoiro, quero facer tamén un recordatorio, onde un día coma hoxe, este mesmo día pola noite, estaba previsto a celebración do Millarock, unha das festivais más esperados do ano no noso concello e tivemos que adiar para o mes de setembro”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "A Roda e Odaiko crean contraste"

Fin de semana en ames a través do programa AmesON