Pestanas principais

Abre o prazo para a solicitude de axudas para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2018

Luns, 08 de xuño de 2020

O Concello de Ames aprobou, a través de decreto de Alcaldía, as bases da convocatoria de axudas para as actividades realizadas polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2018. A contía máxima destinada a esta convocatoria de axudas ascende a 20.000 euros. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse do 9 de xuño ata 8 de xullo de 2020. A través destas achegas poderase sufragar ata o 100% do orzamento total asignado a cada centro escolar para as viaxes culturais, as actividades extraescolares, a organización de encontros e xornadas e a adquisición de mobiliario e material didáctico. Premendo nos enlaces que están ao pé desta nova poderás obter as bases e os impresos de solicitude destas axudas.

O goberno municipal acaba de aprobar a convocatoria da liña de axudas para sufragar as actividades levadas a cabo polas ANPAS durante o exercicio 2018. Para este fin destínase un total de 20.000 euros. Poderán optar a estas subvencións as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas e mailo de mobiliario e material didáctico.

Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas sobresae o enriquecemento da formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos, así como o fomento da convivencia do alumando fóra do ámbito puramente académico. Ademais, tamén se busca propiciar unha mellora do rendemento por parte da poboación escolar.

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata o 100% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais, as actividades extraescolares, os encontros e xornadas, así como o mobiliario e o material didáctico (exercicio 2018). Consideraranse saídas culturais aquelas que inclúan no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico. As actividades extraescolares serán aquelas que se desenvolvan con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar.

As xornadas e encontros serán aquelas orientadas á mellora do coñecemento e convivencia do alumando e das nais e pais. Todas estas actividades deberán ir dirixidas ao alumando do centro de ensino que solicita a axuda. Pola súa banda, enténdese como mobiliario e material didáctico todos aqueles elementos necesarios para o desenvolvemento da actividades da ANPAS, como poden ser mesas, cadeiras, taboleiros, libros, revistas e material escolar.

Contía individual das achegas
As axudas aos centros públicos de máis de 500 alumnas/os, non poderán superar os 3.000€; as axudas aos centros entre as 150 e as 500 alumnas/os terán un máximo de 2.000€ por centro; e por último, aquelas que recaian nos centros públicos de menos de 150 alumnas/os, non poderán superar os 750€.

As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames. As ANPAS ao ser ser persoas xurídicas están obrigadas a presentar as solicitudes de forma telemática.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes a contar dende o día seguinte á publicación do extracto desta convocatoria no BOP. Debido a que o anuncio no BOP saíu publicado este luns 8 de xuño, as solicitudes pódense presentar dende este martes 9 de xuño ata o 8 de xullo de 2020. As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. Tamén se poden descargar ao pé desta nova e na sección de Trámites e Servizos da web municipal. En caso de solicitar axudas para varias actividades, deberá encherse un modelo de solicitude para cada unha delas.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA ANPAS (exercicio 2018)

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames abre o prazo para a solicitude de axudas para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2018"

Poderán optar a estas subvencións as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames