- Tipo
- Tematica
A Escola Municipal de Música de Ames celebra este mércores, 17 de xuño, o concerto de fin de curso, unha cita na que o alumnado interpretará diferentes pezas musicais para poñer así peche final a este ano escolar. O recital terá lugar a partir das 19.30 horas na pista de fútbol sala do Milladoiro, que está situada ao carón da Casa da Cultura. Está previsto que neste concerto actúen arredor de 100 alumnos/as xunto ao profesorado da EMMA.
Este mércores, 17 de xuño, a EMMA poñerá o peche final a este curso 2025-2026 coa celebración do seu xa tradicional concerto de fin de curso. Esta cita musical, na que participarán arredor de 100 persoas, terá lugar a partir das 19.30 horas na pista de fútbol sala do Milladoiro. Con motivo desta celebración, o recinto deportivo permanecerá pechado desde o mércores, 17 de xuño, ás 7.00 horas, ata o xoves 18, ás 16.00 horas.
O concerto dará comezo coa actuación do grupo de música e movemento que interpretará os temas Indo eu e A Rosalía. Participarán arredor de 18 rapaces e rapazas que estarán acompañados do grupo de saxos e do combo EMMA. De seguido, será a quenda do grupo Jóvenes Águilas, que interpretarán os temas Scarborough fair e Cheri, Cheri Lady.
Pola súa banda, a agrupación de guitarras tocará tres temas: El hombre sandía, Tú sabes e Pareces del sur. Tras estas primeiras actuacións, o combo de iniciación Nova Nota, composto por 8 alumnos/as, tocará o tema Born to be wild; mentres que o combo de voces interpretará tres temas: Suerte (Shakira), Tengo un pensamiento e Diamonds.
Posteriormente, o combo da Emma tocará o tema Que hay más allá, e o combo sax project, composto por 6 alumnos/as, interpretará o tema Cuando brille el sol. O concerto continuará coa actuación do grupo Pesadillas de Aga, composto por 10 alumnos/as, que interpretarán os temas: I need a hero e Billy Jean.
Combos Nunca é tarde, xuvenil e Extrema función
As tres últimas agrupacións en actuar serán os combos Nunca é tarde, xuvenil e Estrema función. Primeiro será a quenda do combo Nunca é tarde, composto por 9 alumnos/as, que interpretará dous temas: I will survive e Maniac. De seguido, subirán ao escenario os 7 alumnos/as que compoñen o combo xuvenil, para interpretar tres temas: Beggin, A la orilla del río e Could you be loved.
O concerto pecharase coa actuación do combo Extrema función, composto por 8 alumnos, que interpretarán os temas Mi nombre, The fate of Ophelia e Canto aquí canto na Habana.





