- Tipo
- Tematica
O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra dende o 10 ao 18 de xuño, cinco audicións previas ao seu concerto de fin de curso. Os estudantes de guitarra, percusión, saxo, piano, canto e frauta mostrarán o aprendido ao longo do curso a familiares e amizades. As audicións desenvolveranse sempre en horario de tarde, na aula 10 da propia EMMA.
A Escola Municipal de Música encara o final do curso cunha serie de actuacións que se desenvolverán entre o 10 e o 18 de xuño, uns días antes do peche do período lectivo, e co fin de preparar o seu concerto de fin de curso. Os profesores encargados do desenvolvemento destas actuacións son Antonio Bravo, Amaury Quintero, Sergio Piñeiro, Pilar Martínez, Noelia Ramos e Eva Millares.
As audicións terán lugar na aula 10 da Escola Municipal de Música de Ames, situada en Aldea Nova, sempre en horario de tarde e non antes das 17:00 horas. Os alumnos e alumnas interpretarán diversas pezas de diferentes estilos musicais antes as súas familias, compañeiros e amizades. Tamén poderán asistir a estas audicións aquelas persoas que queiran coñecer o funcionamento da escola e ver o traballo que alí se realiza; así como quen estea pendente da apertura do prazo de inscrición para novo alumnado.
O alumnado de percusión será o encargado de arrincar as audicións, o luns 10 de xuño, ás 18:30 horas. Esa mesma semana, o mércores 12 de xuño, terán lugar as actuacións de guitarra, ás 17:00 horas.
O xoves, día 13, ás 18:00 horas, será a quenda do alumnado de canto e frauta. Na semana posterior, o martes 18 de xuño concentraranse as audicións de saxo e piano, que se desenvolverán ás 18:00 e as 19:00 horas, respectivamente.