Axenda

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organiza este venres, 2 de outubro, de 17.00 a 20.00 horas, a iniciativa Stock Fóra. Deste xeito, a localidade de Bertamiráns acollerá unha tarde chea de diversión e actividades para toda a familia. Haberá música polas rúas a cargo dunha charanga, talleres para os máis pequenos, flocos de millo e unha ruleta con agasallos. Ademais, con tíckets de compra por un importe mínimo de 10 euros, poderase participar na ruleta de agasallos. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello de Ames, a Xunta de Galicia e Comercio Galego para dinamizar o comercio local e gozar dunha tarde especial.

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as crianzas amesás durante os últimos meses do ano. Desta volta, organízase a actividade familiar, Pan de Broa, de Cris de Caldas e Miguel Froján. Trátase dun espectáculo que combina narración oral con música en directo, obxectos e moita emoción e que nos lembra que os contos, coma o pan, alimentan o corpo. Esta actividade, que é de balde, celebrarase o venres 2 de outubro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 24 de setembro, ata o vindeiro día 1 de outubro.




