Pestanas principais

Quedan prazas dispoñibles para os cursos que organiza a Aula de informática do Milladoiro durante o último trimestre do ano

Venres, 30 setembro, 2022
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) ten preparada a nova programación que se vai impartir nos meses de outubro, novembro e decembro deste ano. Impartiranse 9 cursos de xeito presencial e en liña. Aínda estás a tempo de inscribirte nestas actividades.

A programación que se vai impartir na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro vaise facer de xeito presencial, pero tamén haberá actividades en liña que se van impartir de xeito simultáneo na Aula CeMIT de Bertamiráns e na AMTIC.

Do 4 ao 27 de outubro impartirase de xeito presencial un curso de iniciación á informática para adultos que está dirixido a persoas maiores de 18 anos. Para esta actividade ofértanse 12 prazas. Impartirase os martes e xoves de 10.00 a 11.30 ou de 18.30 a 20.00 horas. Tamén en outubro vaise impartir de xeito presencial un curso de mecanografía para nenos/as (do 3 ao 31 de outubro), que está destinados a rapaces e rapazas de máis de 7 anos. Impartirase os luns e mércores de 18.00 a 19.00 horas. Para este curso tamén se ofrecen 12 prazas.

No mes de novembro haberá dous novos cursos que se impartirán de xeito presencial. Do 8 de novembro ao 1 de decembro impartirase o obradoiro de mecanografía para maiores de 18 anos. Será os martes e xoves de 10.00 a 11.30 horas ou de 18.30 a 20.00 horas. Ofértanse 12 prazas. Ademais, do 7 ao 30 de novembro vaise impartir un curso de iniciación á informática para nenos e nenas a partir dos 7 anos de idade. Realizarase os luns e mércores de 18.00 a 19.00 horas. Ofrécense tamén 12 prazas para eta actividade.

Para o mes de decembro hai programados dous cursos que se van impartir de xeito presencial. O primeiro será sobre compras seguras en internet para maiores de 18 anos, que se vai impartir o 13 e 15 de decembro, de 10.00 a 11.30 horas. Para os nenos e nenas haberá un obradoiro de felicitacións de Nadal con scratch. Realizarase os días 16 e 27 de decembro para nenos e nenas de 7 a 12 aos e os días 28 e 29 de decembro para rapaces e rapazas que teñen de 13 anos en diante. Esta actividade impartirase en ambos casos en horario de 11.00 a 12.30 horas. Para os cursos de decembro tamén se ofertan 12 prazas.

Actividades en liña
Por outra banda, vanse a impartir tres actividades en liña. A primeira realizarase do 17 de outubro ao 2 de novembro e tratará sobre o correo electrónico. Está destinada a persoas maiores de 18 anos. Impartirase os luns e mércores de 16.30 a 18.00 horas. Ademais, do 7 ao 30 de novembro vaise a impartir un curso en liña denominado “Traballando na nube: sácalle partido ao Google Drive”. Tamén está dirixido a persoas maiores de 18 anos.  Impartirase os luns e mércores de 16.30 a 18.00 horas. Por último, os días 12 e 14 de decembro realizarase un curso sobre compras seguras en liña, tamén para persoas maiores de 18 anos, en horario de 16.30 a 18.00 horas.

Ademais, ao longo do trimestre está previsto que se organicen actividades complementarias (charlas e outros obradoiros) que se irán anunciando e que estarán relacionados con temas de actualidade das Tics.

Inscricións nos obradoiros
As inscricións poden realizarse na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, sitiada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas (durante o horario de realización dos cursos non haberá Aula Aberta) ou enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal. Para máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940, ou escribir ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

Multimedia