Pestanas principais

Ábrese o prazo para o programa de conciliación Primavera Lúdica

Xoves, 4 febreiro, 2021
Dese o 4 até 18 de febreiro está aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación da vida laboral e familiar “Primavera Lúdica” . O servizo desenvolverase desde o 29 de marzo até 5 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. O programa está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. As inscricións pódense facer vía telemática a través da sede electrónica do Concello ou de calquera outro rexistro acreditado. Tamén se recollen nas oficinas de rexistro de Bertamiráns e de Milladoiro. Para esta opción hai que pedir cita previa a través da sede electrónica do concello.

O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O programa desenvolverase en Bertamiráns (CEIP da Maía) e en Milladoiro (EEI e  CEP de Ventín).

A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Presentación da solicitude de inscrición
A documentación poderá ser entregada no Rexistro Xeral do Concello (en Bertamiráns), na Oficina Municipal do Milladoiro, no Rexistro Electrónico municipal ou no rexistro de calquera Administración Pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). O horario de apertura das dependencias municipais é de 09.00h a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o vindeiro 18 de febreiro. Descarga aquí o ficha de inscrición.

Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento municipal de Educación. Podes descargar aquí a ficha de inscrición.

Documentación necesaria
No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a solicitude se inscrición e o mandato SEPA, debidamente cubertos e asinados. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: fotocopia do libro de familia completo cotexado; fotocopia do DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou  titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. O libro de familia só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou se producise algún cambio na situación familiar. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá traer a documentación que o xustifique. A copia do DNI só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación e siga vixente.

Multimedia