Comézase o percorrido na pequena aldea do Vilar. Seguindo os postes indicativos, ascéndese por un vello camiño ata chegar ao primeiro dos muíños, o chamado de Ortoño, e o único que queda á beira dereita do regato.
Unha vez cruzado o regato por unha pontella o camiño segue por un tramo de bosque de ribeira, entre freixos e ameneiros, que agochan os restos de varios muíños entre pozas e pequenas fervenzas que manteñen o seu encanto e son a testemuña dun glorioso pasado de tradicións, historia e cultura singular.
Os muíños de Riamontes moían todo o verán coas augas que se represaban no Pozo. Forman parte dunha forma de vida comunitaria, na que os veciños e as veciñas tiñan cadansúa obriga.
Tras pasar o Pozo a ruta continúa por pistas forestais en constante subida entre plantacións de eucaliptos, ata chegar ao punto máis alto do percorrido. Trátase do Miradoiro do Monte de San Marcos, situado a 343 metros de altitude. Dende aquí, pódese contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar (Val da Maía) e de toda a comarca. Uns 200 metros máis arriba atópanse as ruínas da Ermida de San Marcos e dunha torre de vixiancia posiblemente de época medieval.
O regreso á aldea faise en continuo descenso, alternando entre monte baixo de toxo e eucaliptal, rodeando a ladeira do Monte de San Marcos. Os últimos dous quilómetros volven achegarse preto do regato de Riamonte e do bosque de ribeira para rematar, despois de cruzar a ponte, no mesmo lugar onde principiou o camiño.
Folleto:
Ficha da ruta:
- Sendeiro: circular
- Distancia: 7 quilómetros
- Duración estimada: 2.30 horas
- Desnivel máximo: 260 metros
- Altitude: de 90 a 350 metros
- Dificultade: media
- Cartografía: folla 94-IV Santiago (mapa topográfico nacional 1:25.000)
Partes do muíño:
- Trabe
- Moega
- Espitella
- Quenlla
- Tinxidoira
- Capa
- Pé
- Aliviadoiro
- Cruz
- Canle
- Beo
- Masa de varas
- Mesa
- Pás ou penas
- Rodicio
Que levar?
Para que o paseo sexa cómodo, lembre levar:
- Auga
- Alimentos enerxéticos como chocolate e froitos secos
- Calzado cómodo e forte
- Pantalóns longos, para evitar as rabuñaduras
- Cámara fotográfica
- Prismáticos, para contemplar as panorámicas
- Unha prenda de abrigo para cando refresque ou por se comeza a chuviscar