Pestanas principais

As pegadas de Rosalía

Esta proposta de Ruta Rosaliana renovada transcorre polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago á beira do río Sar e seguindo o trazado marcado por Avelino Abuín de Tembra: “A Ruta Rosaliana é un itinerario lóxico que segue a Vida de Rosalía de Castro, desde o lugar do seu nacemento, os diversos lugares onde ela viviu e remata onde repousan as súas cinzas. (…). Percorre-los camiños que ela percorreu, meditar nos recantos en que Rosalía meditou. Identificarse intimamente con Rosalía, que é como identificarse con Galicia”.

Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo (Santiago de Compostela), actual Avenida Rosalía de Castro. A súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, proviña dunha familia fidalga, e o seu pai, José Martínez Viojo, foi o sacerdote da Colexiata de Iria. Rosalía casou no ano 1858 co historiador e tamén escritor Manuel Murguía, co que tivo sete fillos.

Rosalía de Castro considérase a escritora representativa de Galicia no mundo. Por un lado foi ela quen como escritora mellor retratou os sufrimentos e máis as esperanzas de todo un pobo, quen mellor se identificou coas aspiracións da Galicia dos humildes. Por outro, como muller, fixo constantes denuncias da discriminación social, política e literaria que as mulleres padecían e fíxoas tamén protagonistas da súa extraordinaria creación literaria, en galego ou castelán, en prosa ou verso. Probablemente nada simbolice mellor a súa obra e máis a súa vida que o río Sar, eixe tamén desta proposta de ruta.

“As pegadas de Rosalía” é unha renovación documentada e actualizada por Anxo Angueira (Presidente da Fundación Rosalía de Castro) da ruta proposta por Avelino Abuín de Tembra  en 1980, e que naceu no ano 2017 coa aposta decidida e traballo conxunto levado a cabo polos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela.

Como a obra de Rosalía este itinerario é unha proposta viva a partir da cal seguen nacendo novos proxectos e iniciativas, tanto públicas como privadas.

Máis información: