Pestanas principais

Conxunto parroquial de San Cristovo

Tapia. Parroquia de Tapia

A primeira referencia fiable acerca da existencia do edificio data do 1598, ano que recibe unha visita diocesana. Este documento resalta a súa austeridade e escaseza de medios, xa que nin sequera contaba con retablo nin sagrario. Esta situación foi mudando co tempo, e en 1651 xa había un retablo para acoller as imaxes e adornar a igrexa. A mediados do XVIII o seu aspecto está bastante mellorado, porén, en 1772 planificouse unha obra de nova planta, e mesmo o traslado a un lugar menos húmido. A oposición da veciñanza a este traslado demorou as obras, pero en 1791 estaba, por fin, rematada. A pesar desta cronoloxía tardía o templo corresponde ao estilo barroco, de grande influencia compostelá. Presenta planta de salón e capela maior con forma rectangular. No interior realizouse unha profunda rehabilitación en tempos recentes. Na capela maior conservouse a pedra á vista e esta é a única parte do edificio que mantén a cuberta orixinal. Carece de retablo, polo que as imaxes están situadas sobre ménsulas e presididas polo santo patrón.

Outros datos:

No contorno da igrexa atopamos dous sinxelos e austeros cruceiros. Un atópase no centro do cemiterio e o outro no camiño que conduce a Vilouta. Dende o adro contémplase unha fermosa e completa panorámica do río Tambre.