Pestanas principais

Capela de San Xoán

Pousada. Parroquia de Ames

Este templo foi fundado por Urraca de Pousada, e levantouse entre os anos 1607 e 1635. Orixinalmente estaba consagrado a san Xoán Bautista e san Isidro, pero co tempo este último perdeu influencia. No século XVIII construíuse un novo edificio impulsado por Xoán de Samamed, que financiou, xunto a outras persoas, as obras no ano 1740. Este feito está recollido nunha inscrición situada no lintel da entrada. Hai constancia de que xa nesa época a tutela estaba limitada ao san Xoán, así como da celebración da romaría na noite do 23 de xuño que chegou ata os nosos días. O edificio presenta planta de salón e o seu interior responde aos principios de austeridade e funcionalidade que rexen a arquitectura popular. Ata finais do século XX contaba cun modesto retablo que foi desmontado e gardado para levar a cabo labores de reparación. Consérvanse as imaxes que albergaba, entre as que se atopa unha da Asunción, tamén coñecida como Virxe da Pena, datada a principios do século XVII, época de construción da primeira capela.

Outros datos:

No contorno da ermida existen dúas fontes ás que se atribúen propiedades excepcionais. Un pouco máis afastado está o campo da festa, e no centro deste atópase un sinxelo cruceiro. Neste punto teñen lugar as celebracións propias da noite do san Xoán.