Pestanas principais

Conxunto parroquial de Santa María

O Vilar. Parroquia de Ameixenda

Se hai algo que chame a atención da feitura externa deste templo é a súa orixinalidade no contexto municipal. Desde o exterior percíbense 3 fases constructivas: a cabeceira, a máis antiga; a nave, máis alta e ancha; e a sancristía, que segundo unha inscrición, se realizou en 1697. O corpo da igrexa rematouse a finais do século XVIII. A súa apariencia é sinxela, cunhas pequenas placas que ornamentan a xanela e o arranque do campanario. A feitura do campanario pretende dar sensación de altura e esvelteza ao edificio. Unha fermosa balaustrada remata un dos laterais e serve para aceder ás campás. No interior a única nave está dividida en dous espazos que corresponden a dous momentos construtivos. A cabeceira, cuberta con bóveda de canón, é de orixe medieval. Está separada da nave por un fermoso arco triunfal dobrado apoiado en 4 columnas que sustentan outros tantos capiteis con ornamentacións vexetais do románico. Estas características inducen a pensar que foi construída a finais do século XII ou principios do XIII.

Outros datos:

O adro é un espazo elegante e monumental que contribúe a realzar a beleza da igrexa. Un elemento salientable deste espazo é o sepulcro antropomorfo que está a un lado da igrexa. Trátase dunha peza da que non se dispón referencias para datala ou relacionala nun contexto histórico. Non obstante, a súa antigüidade é evidente, e pode relacionarse cun lendario mosteiro do século VIII.