Pestanas principais

Capela da Madalena

O Milladoiro. Parroquia de Biduído

A referencia máis antiga que se recuperou deste templo é de 1539. Aparece na documentación relativa a unha visita que se realizou en 1598, cando pertencía ao Hospital Vello de Santiago. Pouco despois a Universidade fíxose cos seus bens e padroado. As primeiras noticias acerca das celebracións no día da santa datan da primeira metade do século XVIII, e por elas sabemos que se celebraba unha misa cantada á que se achegaban, en procesión, unha grande afluencia de xente de toda a contorna. Trátase dun edificio sinxelo, organizado en dous corpos, un deles correspondente á sancristía. As diferentes feituras dos muros laterais revelan períodos construtivos distintos. O máis antigo é o do lado esquerdo. A fachada e o campanario responden ao gusto barroco . Do outro lado do cumio do tellado está a cruz que sitúa a capela maior.

Outros datos:

A parte exterior da capela, hoxe moi alterada polo crecemento urbanístico, está ocupada por unha explanada e zonas axardinadas. Nela sitúanse dous cruceiros. O que presenta no anverso o cristo crucificado e no reverso á piedade, foi restaurado e devolto ao seu lugar orixinal o día da santa de 2004, feito do que dá conta unha placa conmemorativa situada ao seu carón.