Pestanas principais

Conxunto parroquial de Santa María

A Igrexa. Parroquia de Biduído

Esta igrexa, como case todas as de Ames, é de orixe medieval. Nun documento de 1547 sinálase que o templo resultaba pequeno e estaba bastante estragado, motivo polo que se ordena a súa ampliación. Non se atoparon outras referencias históricas, pero á vista do edificio actual é evidente que na segunda metade do século XVIII se levou a cabo unha importante obra que supuxo unha radical transformación do templo. A planta simple e de nave única substituíuse por unha de cruz latina e máis ampla. A nave cubriuse cunha bóveda de canón con lunetos. O cruceiro resaltouse cunha cúpula, e a capela maior cunha bóveda de aresta. A fachada, que está presidida por unha imaxe de María na advocación da Asunción, presenta moitos dos elementos característicos utilizados polos grandes artistas do barroco compostelán: gornición de orelleiras que enmarcan a porta principal, volutas, pináculos e estípites con sartas de froitas, etc. O conxunto ornamental que garda este templo é bastante heteroxéneo, xa que non se conserva ningunha imaxe antiga, senón que toda a colección procede dos séculos XIX e XX.

Outros datos:

O capitel do cruceiro está decorado con formas vexetais. A cruz , de sección circular, acolle a imaxe de Cristo crucificado, no anverso, e, no reverso, unha virxe orante pousada sobre nubes. Ao outro lado do adro atópanse o cemiterio e unha pequena construción que debeu ser a "casa da fábrica", edificio moi habitual nos complexos parroquiais que servía para gardar obxectos. No cemiterio chaman a atención algúns panteóns pola súa monumentalidade.