Pestanas principais

Conxunto parroquial de San Lourenzo

A Igrexa. Parroquia de Agrón

A actual igrexa está datada entre finais do século XVII e principios do XVIII e presenta un claro estilo barroco no que destaca a portada. Presenta planta rectangular, con tres alturas, onde destaca o presbiterio. A fachada organízase a través da porta, con lintel e moldura nas xambas. Péchase con frontón quebrado que conforma un fornelo que alberga a imaxe pétrea do patrón. No interior a nave principal está cuberta cunha bóveda de canón, e a capela maior con bóveda de aresta apoiada sobre os muros e contrafortes. Un arco de medio punto separa o altar maior da nave. Cabe destacar as escaleiras de pedra que dan acceso ao coro, onde sobresae a decoración xeométrica tallada nunha pedra do teito. O retablo maior consta de dous corpos, divididos cada un en tres rúas; pola maneira en que está organizado, así como polos tipos de soportes, policromía dourada e a decoración empregada, pode datarse a finais do século XVIII. Respecto da tipoloxía relaciónase coa igrexa veciña de Trasmonte, da que Agrón era anexa.

Outros datos:

O recinto exterior do templo está pechado, por tres dos seus lados, por un muro baixo, onde se sitúa un viacrucis do século XIX. Das catorce cruces orixinais, colocadas en 1883, só se conservan en pé cinco. Das outras consérvanse varios restos e pedestais, moitas delas reformadas con formigón armado. No centro do adro atopamos un cruceiro datado en 1906. A cruz está apoiada nun capitel moi traballado, con motivos vexetais e querubíns. O anverso acolle a imaxe dun Cristo crucificado bastante completa; no reverso unha virxe orante apoiada nunha pequena peaña decorada con cabeza de querubín. Existe outro cruceiro instalado sobre un muro que hai na entrada do adro, pero segundo os veciños a súa situación orixinal era o camiño. A pesar do mal estado, causado pola erosión e o lique, pódese apreciar unha imaxe dun Cristo crucificado. A súa factura fai pensar que é antigo. Segundo conta unha lenda veciñal, o brazo esquerdo partíullo un veciño de Viceso, e poucos días despois, quizais como castigo, este perdeu ese mesmo brazo pescando con pólvora no río Tambre.