Pestanas principais

Pazo de Lens

Lens. Parroquia de Lens

O pazo de Lens é un edificio de planta rectangular, no que o tellado está presidido por unha cheminea alta e esvelta. Dúas balconadas de ferro presiden ambos os laterais e unha galería acristalada ocupa case toda a parte posterior. A súa orixe pode datarse a finais do século XV ou a principios do XVI. Foi renovado e ampliado no século XVIII, época na que se constrúe boa parte do pazo que hoxe coñecemos. O conxunto inclúe un cruceiro, un hórreo, unha fonte co seu lavadoiro e un pombal (fóra do recinto pechado). Está rodeado e separado do resto da aldea por un muro alto, no que chama a atención un miradoiro que dá ao agro da igrexa parroquial. A parcela que rodea a vivenda é unha mestura entre horta e xardín. Acolle varias árbores centenarias, entre as que destacan os buxos (poderían datar do século XVIII) e unha impresionante camelia que foi incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Na actualidade, o pazo segue sendo utilizado como vivenda privada.

Outros datos:

No escudo de armas que preside unha das fachadas aparecen figuradas tres liñaxes distintas, vinculadas coa Casa de Altamira. Cinco conchas veneras pertencentes aos Santiago (tamén chamados Romeu ou Romero); as ondas dos Mariño e un grifón que simboliza aos Ardeleiros.