Pestanas principais

Pazo de Leboráns

Leboráns. Parroquia de Trasmonte

Trátase dun conxunto formado por vivenda, capela, pombal, horta e xardín. Todo o conxunto está rodeado por un muro concibido para preservar a intimidade ao tempo que proxectaba o poder e a importancia social dos seus moradores. A súa orixe está na maciza torre de planta cadrada, datada a mediados so século XVI. O resto do edificio construíuse no século XVIII. Foi reformado en varias ocasións e, na actualidade, presenta planta en forma de "L" e utilízase como vivenda privada. O escudo situado na fachada orientada ao camiño é de estilo barroco e contén un piñeiro con dez lanzas de prata correspondentes as armas dos Caamaño. Cara ao val destaca o miradoiro, unha construción airosa sostida por arcos de medio punto. A capela está practicamente fóra do recinto e é un edificio pequeno e sinxelo

Outros datos:

En orixe foi a casa dos Leis, unha familia que pasou a chamarse os Leis de Leboráns. Tras diversos emparentamentos con outras liñaxes foron mudando os apelidos por Mendoza, Varela e Caamaño, co tempo último foi o que acabou impoñéndose. Un dos señores de Leboráns máis coñecidos foi José Caamaño y Pardo (1761-1819). Trátase dun personaxe moi interesante, culto e preocupado polo desenvolvemento da Galicia do seu tempo. Os seus feitos máis relevantes están relacionados coa Guerra da Independencia, xa que organizou varias partidas de guerrilleiros e fundou e equipou un rexemento do exército. En 1814 concedéronlle o título de Grande de España.