Augapesada. Parroquia de Ames
Cruza o río de Augapesada, tamén coñecido como Rego dos Pasos. Este río forma o denominado val de Ames ou de Covas e conflúe co río Sar na Condomiña (Bertamiráns). A ponte actual debeuse levantar entre o século XVII e a primeira metade do XVIII, pero, tendo en conta que Augapesada foi un importante nó viario, cabe pensar que xa existía unha infraestrutura anterior. Consta de arco de medio punto rebaixado e dous aliviadoiros. A calzada está formada por grandes lousas de granito, ten rasante alombada e os peitorís son de cantaría.
Outros datos:
A súa estraña posición actual débese a que a estrada non segue o trazado do histórico Camiño a Fisterra, que baixaba desde O Lombao paralelo a actual vía, e que desapareceu tras a concentración parcelaria. Ao lado da ponte atópase un muíño de rodicio movido pola auga do mesmo regato. A súa existencia está documentada dende a segunda metade do século XVIII.