Actualidade

Ex., 03-06-2025
Ex., 03-06-2025
Sábado, 16 de novembro de 2024
Logotipo 20 aniversario Emma

A Aula 10 do Centro multifuncional de Aldea Nova acolleu este venres, 15 de novembro, o acto de celebración do vinte aniversario da Escola Municipal de Música de Ames. Durante o transcurso do acto presentouse a nova imaxe corporativa da EMMA, que foi deseñada pola deseñadora gráfica, Doli Folgar. Houbo diferentes actuacións a cargo do alumnado de linguaxe musical, agrupación de guitarras e Anxo Villanueva, grupos de violíns, frautas, piano, combo de voces e guitarras. Con motivo do vinte aniversario estase traballando nunha programación específica que se publicará proximamente.

Sábado, 16 de novembro de 2024
O martes 19 de novembro proxéctase “+Cuñados” dentro do ciclo Cine de Outono

O vindeiro 19 de novembro continúa o ciclo Cine de Outono, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. A segunda proxección será o martes 19 de novembro, co filme “+Cuñados”. O martes 26 de novembro poderase ver “Os espazos en branco”. Todos os filmes serán proxectados no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nas dúas proxeccións que quedan haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

Venres, 15 de novembro de 2024
Imaxe de arquivo do salón de plenos

O luns, 18 de novembro, ás 10.00 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación inicial da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Tamén se abordará a aprobación inicial da modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación da RPT. Dita modificación da RPT foi aprobada por unanimidade de todas as seccións sindicais na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 14 de novembro. No caso de ser aprobada en Pleno suporía a adecuación dos complementos específicos e incremento retributivo derivado, para a totalidade do persoal municipal. O incremento retributivo aplicarase de forma progresiva en catro anos, dende 2024 ata 2027. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Venres, 15 de novembro de 2024
24 persoas participan na xornada “Axenda 2030 e Turismo: oportunidades de negocio para un turismo sustentable”

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, colabora coa Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, na organización do curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidade de negocio para un turismo sustentable”, que foi inaugurada esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao longo de toda xornada, contarase coa participación de expertas e expertos que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre a calidade e sustentabilidade no sector turístico, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as súas implicacións sobre o turismo. Igualmente falarase das estratexias para a incorporación dos ODS nos plans de turismo, así como as oportunidades de financiamento para proxectos de turismo sustentable tanto a nivel autonómico, como nacional e europeo, que rematará cun taller práctico sobre como presentar axudas de turismo ás diferentes convocatorias. Este evento, no que están a participar 25 persoas, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Venres, 15 de novembro de 2024
Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo “A marabillosa viaxe da Pinga Pingona”

O proxecto Apego continúa a súa programación de outono coa proposta “A marabillosa viaxe da Pinga Pingona”, de Laura Martínez Rey, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 22 de novembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 21 de novembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xoves, 14 de novembro de 2024
O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. A presentación da campaña realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. Participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 19 de novembro e o 6 de decembro, ambos incluídos. Os bonos poderán gastarse do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025.

Xoves, 14 de novembro de 2024
Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)

Este xoves 14 e venres 15 o festival Cinema Miúdo arranca en Ames coa celebración de sete sesións de cine internacional dirixidas ao alumnado dos centros de ensino de Ames. En total serán 400 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos que se achegarán desde as escolas infantís do Milladoiro, as unitarias de Ortoño e Covas; e os CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta. Todos eles desfrutarán dunha selección de curtametraxes adaptada a cada tramo de idade e deseñada especialmente para eles. A inauguración oficial do festival é o venres 15 ás 17:00 horas coa actuación do pallaso Rudi Dudi e a proxección dos dous primeiros bloques de curtametraxes. O abono para todo o festival ten un prezo de 3,00 € e pode mercarse na Billeteira electrónica do Concelo de Ames.

Xoves, 14 de novembro de 2024
Continúa aberto o período de selección para a edición 2024-2025 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión

O prazo de solicitude de praza no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2024-2025) está aberto ata o día 29 de novembro. Nesta edición, o programa conta con 100 prazas para a formación nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre, e turismo. Este programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros, e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. Este venres, 15 de novembro, ás 12.00 horas, haberá unha charla informativa sobre este programa no Centro de formación e emprego do Concello de Ames.

Mércores, 13 de novembro de 2024
O Concello de Ames e a Deputación da Coruña acordan a transferencia da estrada provincial A Condomiña – Bugallido

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron o pasado 21 de outubro, na reunión de traballo mantida na Casa do Concello, a cesión por parte do ente provincial da estrada que vai dende A Condomiña ata Bugallido, para que pase a ser unha estrada de titularidade municipal. O Goberno municipal de Ames presentou esta semana na Deputación da Coruña o proxecto de mellora desta estrada, que ten un custo de 1.299.355,31 euros, que será financiado polo ente provincial.

Mércores, 13 de novembro de 2024
Visita a Mirabelle Comunicación

A primeira edición do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para impulsar a nova produción audiovisual, afronta a súa recta final. Durante as últimas semanas, os/as creadores/as dos 15 proxectos que participan no Ames AV LAB visitaron ás instalacións das empresas Ficción Producións, Mirabelle Comunicación, Cinemar Films, Setemedia Producións e Zenit Televisión. Tamén participaron nun encontro por vídeo-conferencia con Peter Andermatt (director da Oficina MEDIA España).