Actualidade

Esa fin de semana o Concello de Ames acolleu a sétima edición de Cinema Miúdo, o certame internacional de cinema para público infantil que volveu a sorprender ao público transportando a nenos e nenas de todas as idades a unha viaxe máxica pola historia do cinema. Cunha programación cargada de novidades, o festival consolidou a súa posición como un dos referentes do cinema infantil en Galicia e España. Ademais de gozar das proxeccións, os asistentes puideron participar en talleres de fotografía analóxica, asistir a actuacións musicais e descubrir as orixes do cinema en seccións especiais dedicadas aos pioneiros da animación e a comedia. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes do festival.

O departamento de Xuventude organiza para o mes de novembro unha nova actividade para a mocidade amesá e para familias e persoas en xeral con perfís profesionais educativos ou do tempo libre. Desta volta, organiza un curso de formación en comunicación non violenta denominado Falarnos Bonito, que se vai desenvolver o 30 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha actividade de balde, pero para participar hai que inscribirse enviando ata o 27 de novembro o impreso de inscrición ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

O laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual Ames AV LAB, promovido polo Concello de Ames e cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña, celebra o próximo luns, 18 de novembro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o acto de clausura da súa primeira edición. Este programa, deseñado como un espazo de aceleración de proxectos e fomento do talento emerxente, foi clave para dinamizar o tecido audiovisual local, potenciando a competitividade do sector e fortalecéndoo no ámbito nacional e internacional. Esta xornada incluirá tamén a avaliación final dos traballos, a cargo da Comisión de Avaliación dos premios Ames AV LAB, que xa celebrou a súa primeira reunión o pasado martes, 13 de novembro, para constituírse formalmente e revisar a documentación dos proxectos presentados nas fases 1 e 2 do programa.

A Aula 10 do Centro multifuncional de Aldea Nova acolleu este venres, 15 de novembro, o acto de celebración do vinte aniversario da Escola Municipal de Música de Ames. Durante o transcurso do acto presentouse a nova imaxe corporativa da EMMA, que foi deseñada pola deseñadora gráfica, Doli Folgar. Houbo diferentes actuacións a cargo do alumnado de linguaxe musical, agrupación de guitarras e Anxo Villanueva, grupos de violíns, frautas, piano, combo de voces e guitarras. Con motivo do vinte aniversario estase traballando nunha programación específica que se publicará proximamente.

O vindeiro 19 de novembro continúa o ciclo Cine de Outono, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. A segunda proxección será o martes 19 de novembro, co filme “+Cuñados”. O martes 26 de novembro poderase ver “Os espazos en branco”. Todos os filmes serán proxectados no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nas dúas proxeccións que quedan haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

O luns, 18 de novembro, ás 10.00 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación inicial da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Tamén se abordará a aprobación inicial da modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación da RPT. Dita modificación da RPT foi aprobada por unanimidade de todas as seccións sindicais na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 14 de novembro. No caso de ser aprobada en Pleno suporía a adecuación dos complementos específicos e incremento retributivo derivado, para a totalidade do persoal municipal. O incremento retributivo aplicarase de forma progresiva en catro anos, dende 2024 ata 2027. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, colabora coa Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, na organización do curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidade de negocio para un turismo sustentable”, que foi inaugurada esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao longo de toda xornada, contarase coa participación de expertas e expertos que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre a calidade e sustentabilidade no sector turístico, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as súas implicacións sobre o turismo. Igualmente falarase das estratexias para a incorporación dos ODS nos plans de turismo, así como as oportunidades de financiamento para proxectos de turismo sustentable tanto a nivel autonómico, como nacional e europeo, que rematará cun taller práctico sobre como presentar axudas de turismo ás diferentes convocatorias. Este evento, no que están a participar 25 persoas, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O proxecto Apego continúa a súa programación de outono coa proposta “A marabillosa viaxe da Pinga Pingona”, de Laura Martínez Rey, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 22 de novembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 21 de novembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. A presentación da campaña realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. Participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 19 de novembro e o 6 de decembro, ambos incluídos. Os bonos poderán gastarse do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025.

Este xoves 14 e venres 15 o festival Cinema Miúdo arranca en Ames coa celebración de sete sesións de cine internacional dirixidas ao alumnado dos centros de ensino de Ames. En total serán 400 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos que se achegarán desde as escolas infantís do Milladoiro, as unitarias de Ortoño e Covas; e os CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta. Todos eles desfrutarán dunha selección de curtametraxes adaptada a cada tramo de idade e deseñada especialmente para eles. A inauguración oficial do festival é o venres 15 ás 17:00 horas coa actuación do pallaso Rudi Dudi e a proxección dos dous primeiros bloques de curtametraxes. O abono para todo o festival ten un prezo de 3,00 € e pode mercarse na Billeteira electrónica do Concelo de Ames.
- ‹ anterior
- 47 de 1384
- seguinte ›