Actualidade

O programa Apego prosegue coas súas propostas durante o mes de novembro. Desta volta, ábrese a inscrición para participar no espectáculo de estimulación sonora “O son que me arrola”, da Asociación Antonio Gandoy, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina o venres 1 de decembro, ás 18.00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o 30 de novembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O venres 24 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, representase a sesión de contos “Mulleres de pedra” con María da Pontragha. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir dos 3 anos no que se narran contos e historias de mulleres fortes e eternas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A inscrición estará aberta do 16 ao 23 de novembro ata completar aforo. Esta actividade enmárcase dentro do programa Apego e da programación “Novembro Cultural” elaborada con motivo da celebración de Santa Icía e do 25N.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementou en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 9 de novembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de É túa. Pásaa!, campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego. No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementouse en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves, 9 de novembro, ás 20.30h. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

A sétima edición do Enreguéifate botou a andar no concello de Ames cos obradoiros nos centros de ensino. Unhas sesións formativas que teñen como obxectivo achegar a arte da improvisación oral á rapazada e animar ás e aos escolares a participar no certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación no certame estará aberto do 12 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024 e poderá facerse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles tamén as bases.

O programa Apego amesán arrinca o mes de novembro cunha foliada musical “terrorífica” para celebrar o Samaín cos máis cativos. O venres 3 de novembro festexaremos o outono cunha Foliada de Samaín, dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk, que se vai a realizar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para participar é preciso inscribirse, dende hoxe ata o 2 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos/as nenos/as.

O programa Apego prosegue coas súas propostas durante o mes de outubro. Desta volta, ábrese a inscrición para participar no espectáculo musical “Palabras”, de Baobab Teatro, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres, 20 de outubro, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o 19 de outubro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Do 2 ao 31 de outubro está aberto o prazo para que os centros educativos inscriban os seus equipos na XII edición do Club de Debate. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas máis o/a preparador/a (persoal docente ou PAS). Os equipos deben facer a inscrición a través do formulario que se facilite desde o SNL do Concello de Ames. Como novidade destacamos que este ano se aumentaron os premios das fases de zona. Serán 800 euros para o equipo mellor clasificado e 500 para o segundo. O premio da fase final é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana á que asistirán os dous equipos con maior puntuación. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de inscrición.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a sexta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito empresarial local. Poden optar ao galardón todas as empresas con sede social ou centro de actividade en Ames. O prazo de inscrición está aberto ata o 26 de outubro. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. As bases do concurso e a ficha de inscrición pódense descargar premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 12 de 40
- seguinte ›