Pestanas principais

Preséntase a VI edición dos Premios Lingua e Empresa e o selo Rega para promover o uso do galego no ámbito empresarial do Concello de Ames

Xoves, 28 de setembro de 2023

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a sexta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito empresarial local. Poden optar ao galardón todas as empresas con sede social ou centro de actividade en Ames. O prazo de inscrición está aberto ata o 26 de outubro. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. As bases do concurso e a ficha de inscrición pódense descargar premendo nesta ligazón.

O espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acolleu durante a tarde deste mércores a presentación da sexta edición do Premio Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, acompañado de  representantes de todas as asociacións de empresarios e comerciantes amesás, Hostalaría.gal, Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), a Asociación Viorneira, Palmira Bulebar e Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e de numerosas empresas  locais que quixeron arroupar esta iniciativa.

Trátase do sexto ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial dos negocios locais, de maneira que se contribúa ao aumento e á mellora do uso social da lingua galega dende ese sector.

Selos REGA
Neste acto, ademais do premio, presentáronse e entregáronse os Selos REGA a todas as empresas que participaron nalgunha das edicións anteriores do Premio Lingua e Empresa. Este selo, un vinilo que se pode colocar en calquera lugar visible, ten como obxectivo promover o uso do idioma entre a cidadanía, ademais de identificar e recoñecer publicamente a contribución das distintas entidades na mellora do uso social da lingua.

Presentación dos premios Lingua e Empresa
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “esta iniciativa pretende poñer en valor o potencial do galego como elemento distintivo e de marca de calidade entre as empresas”, que ademais de recoñecer entidades que xa teñen presente a lingua na súa comunicación para que lles sirvan de exemplo e de referente a outras. O rexedor tamén agradece ás asociación municipais a colaboración con esta iniciativa para “poñer en valor o uso da lingua no ámbito empresarial e fomentar o seu uso entre a cidadanía”.

García tamén animou “a todas as empresas, sexa cal sexa o seu tamaño e sector de actuación, a que participen nesta convocatoria e sobre todo, a que teñan en conta o galego na súa comunicación e na súa oferta de servizos porque o galego no ámbito empresarial é unha marca de calidade e distinción que  sempre suma”.

“Desde o Concello só podemos recoñecer publicamente dúas empresas en cada unha das edicións, aínda que sabemos ben que todas as participantes serían merecedoras de premio, porque todas elas son  referentes de uso e de  impulso da lingua no ámbito socioeconómico. Precisamente por iso, nace o selo REGA, un distintivo que pretende visibilizar a contribución que fan todas elas, ademais de fomentar o uso da lingua entre a clientela, finalizou dicindo o alcalde.

Por parte das asociacións o primeiro en intervir foi o presidente da asociación Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, que felicitou “a todas as empresas que participaron nas cinco edicións anteriores neste premio, xa que van a recibir o selo REGA e animou a todas as empresas do concello a participar”. Ademais dixo que “hai que potenciar o galego pero sen deixar de lado outras linguas, xa que O Milladoiro é un crisol de culturas e por esta localidade pasan multitude de peregrinos”.

O presidente de Hostalaría.gal, Lois Lopes, deulle “os parabéns ao Concello de Ames por unha edición máis destes premios. Cremos que hai que adoptar medidas para o impulso do galego, desta volta dende as empresas, por iso consideramos fundamental o apoio da administración local neste eido”.

O presidente de XEA, Jorge López, explicou “sempre intentamos que participen todas as empresas da nosa asociación e animarémolos a que así o fagan. Tamén me alegra que se entreguen os selos REGA porque é un distintivo que acredita a contribución que fan as empresas ao galego. Eu participei un ano como xurado e teño que dicir que é moi complicado decidir que empresas que son as gañadoras debido ao compromiso que amosan todas co galego”.

Por parte parte da asociación de empresarios Novo Milladoiro interveu Salomé Blanco, que agradeceu a organización destes premios. “Alégrome que o noso se poña en valor e que se aposte polo galego. Agradezo a implicación de todas as empresas que empregan o galego para dirixirse a sua clientela e para facer súa documentación no noso idioma. Animo a todas as empresas a que se presenten, tanto as que empregan o galego coma a aquelas que se asentaron en Ames e son doutras culturas”.

Bases da convocatoria
Os aspectos que se valoran para a concesión deste recoñecemento son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, e o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue en calquera soporte. Tamén se valorará a sinalética e a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos (se os houbese).

Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.

Categorías e dotación económica
A sexta edición do premio divídese, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período.

A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.

Prazos de presentación das candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e remata o día 26 de outubro de 2023 ás 14:00 horas.

As persoas interesados deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo  normalizacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premios para as novas empresas amesás e as xa consolidadas que impulsen o uso do galego"

Enfoques: "Ames presenta los VI Premios Lingua e Empresa"

Imaxe da presentación da VI edición dos Premios Lingua e Empresa

Multimedia

  • Imaxe da presentación da VI edición dos Premios Lingua e Empresa
  • Imaxe da presentación da VI edición dos Premios Lingua e Empresa
  • Imaxe da presentación da VI edición dos Premios Lingua e Empresa
  • Imaxe da presentación da VI edición dos Premios Lingua e Empresa