Actualidade

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”, que será estreada o vindeiro sábado, 30 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades. Premendo nesta ligazón podes ver o tráiler da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”.

O Concello de Ames vai celebrar a vindeira fin de semana, o 23 e 24 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte a través dun escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade cóntase con 25 expositores confirmados de Ames e diversas localidades de Galicia. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa completo da Feira.

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, continúa organizando diversos obradoiros e cursos. Neste caso, ofrece unhas xornadas de formación en cultivos de horta durante os meses de inverno. Impartiranse os sábados 9 e 16 de novembro, en horario de 10.00 a 13.00 horas, no invernadoiro municipal de Barouta. Na primeira xornada abordarse a planificación de cultivos de inverno, mentres que na segunda tratarase o control de pragas e enfermidades nos cultivos. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. A segunda destas xornadas tivo lugar o pasado sábado: unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña na que participaron 25 persoas. A visita estivo guiada por Miguel Ángel Areán, director-xerente da empresa.

O Concello de Ames presentou esta mañá a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que se celebrará os días 23 e 24 de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade xa se conta con 18 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Así mesmo, durante toda a xornada non faltarán as degustacións e maila música tradicional.

O Concello de Ames está traballando na creación dunha asociación matriz, que xestione as diferentes comunidades enerxéticas que se poidan crear. Dita asociación estará formada polo Concello e por veciños e veciñas que aposten por formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Xa se celebraron varias xuntanzas nas que participou veciñanza de Lens, Trasmonte, Aldea Nova, Augapesada e Raíces. Está previsto facer reunións en todas as parroquias para explicar as funcións da Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen participar na comunidade enerxética local.

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, organizou esta pasado domingo a primeira saída da actividade “As voltas cos cogomelos”, unha iniciativa que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Nesta primeira sesión, que tivo lugar na Ameixenda, participaron un total de 31 persoas.

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, organizou tres obradoiros denominados “Doce Outono”, para promover o aproveitamento sostible dos alimentos. Estas actividades, que estiveron dirixidas a nenos/as e adultos, organizáronse os días 21 e 28 de setembro e mailo 5 de outubro. Deste xeito, hoxe impartiuse o último deste obradoiros no que os participantes aprenderon a elaborar marmeladas, confituras e chutneys. Nestas tres sesións participaron un total de 65 persoas, completando todas as prazas ofertadas.

A Aula da Natureza está a desenvolver as diferentes actividades que compoñen a súa programación de outono. Deste xeito, para os meses de outubro e novembro ten previsto impartir a actividade “As voltas cos cogomelos”, que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos. O prazo para inscribirse nesta primeira saída estará aberto ata o venres 4 de outubro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, continúa cos obradoiros para promover o aproveitamento sostible dos alimentos. Deste xeito, para este sábado 5 de outubro propón o obradoiro “Doce outono: obradoiro de elaboración de marmeladas, confituras e chutneys”. Dirixido a público adulto, desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas nas instalacións da Aula de Natureza. Ofrécense 15 prazas. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 7 de 29
- seguinte ›




