Actualidade

A Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, a través da Aula da Natureza, organiza unhas xornadas sobre plantas medicinais que se desenvolverán os días 10 e 11 de outubro. O venres 10, de 16.00 a 21.00 horas, haberá unha exposición de herbas medicinais na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, haberá dúas visitas guiadas a dita exposición, a primeira ás 18.00 horas e a segunda ás 20.00 horas. O sábado 11, de 11.00 a 14.00 horas, farase unha saída de campo para o recoñecemento de plantas medicinais. Para esta actividade hai 50 prazas dispoñibles e hai que inscribirse previamente enviando o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza está desenvolvendo as diferentes actividades que compoñen a súa programación de outono. Deste xeito, para os meses de outubro e novembro ten previsto impartir a actividade “Ás voltas cos cogomelos”, que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 5 e 19 de outubro e mailo 30 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza vén de presentar a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, organizarán diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, unha ruta teatralizada, unha saída e exposición de herbas medicinais, obradoiros de cociña con alimentos propios desta estación e a quinta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

“NON é culpable” é o lema escollido de novo pola Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, para lanzar unha nova campaña de sensibilización motivada polas queixas da veciñanza sobre as molestias e danos causados polos ouriños dos cans na rúa. Apélase á responsabilidade veciñal para que os propietarios/as de cans limpen cun líquido desinfectante os ouriños das mascotas na rúa. Esta iniciativa súmase á campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas que foi presentada en xuño de 2024. Nesta ocasión cóntase coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Policía Local de Ames que reforzará a vixilancia, podendo aplicar sancións dos 50 aos 3.000 euros. Nos comercios amesás repartiranse entre a clientela 300 botellas, para que os propietarios/as leven con eles/as dita botella con líquido desinfectante cando saquen o can a pasear.

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 21 de setembro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para participar hai que estar ás 11.00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Na páxina web de Proxecto Ríos atoparás máis información sobre a iniciativa “Móllate polos ríos”, as limpezas de río, os participantes e colaboradores, etc.

A Oficina de Transformación Comunitaria de Ames celebrou o pasado 13 de agosto unha nova charla informativa no Local social de Trasmonte, dando continuidade ao seu traballo de proximidade territorial e achegando as comunidades enerxéticas á veciñanza amesá. Ames é un dos concellos galegos que apostan por este modelo enerxético participativo, tras experiencias exitosas como as de Xermade, Ponte Caldelas ou a Illa de Arousa, onde as comunidades enerxéticas xa están a xerar importantes beneficios económicos e ambientais para os seus participantes.

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza para este sábado, 26 de xullo, a actividade “Pedras e estrelas”, que combina a visita aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo e unha observación do ceo nocturno, na que se vai a ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos. Non se necesita inscrición previa para participar na actividade, polo que as persoas interesadas en asistir só deberán estar ás 21.30 horas no miradoiro do Bosque do Peregrino, situado en Ventosa, na parroquia de Covas. Esta actividade estímase que terá unha duración de arredor de tres horas.

Este verán o Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza para este sábado, 19 de xullo, a actividade “Pedras e estrelas”, que combina a visita aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo e unha observación do ceo nocturno, na que se vai a ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos. Para participar nesta actividade non é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas deben estar ás 21.30 horas no miradoiro do Bosque do Peregrino, situado en Ventosa, na parroquia de Covas. Esta actividade estímase que terá unha duración de arredor de tres horas.

O Concello de Ames tivo que activar hoxe, por primeira vez neste verán, o plan municipal de incendios forestais de 2025, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. Foi debido a un incendio forestal que se produciu no lugar de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas. Na súa extinción participaron medios aéreos e terrestres da Xunta de Galicia, así como medios municipais como a Policía Local, membros da Agrupación de Protección Civil e unha cisterna da empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria. Na actualidade dito incendio, que afectou a unha superficie aproximada de 0,3 hectáreas, atópase estabilizado.

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2025, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alto risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse en Ames. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción. Premendo nesta ligazón podes descargar o plan municipal de incendios forestais de 2025.
- ‹ anterior
- 4 de 29
- seguinte ›




