Actualidade

Ex., 14-09-2026
Ex., 14-09-2026
Martes, 07 de maio de 2024
Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC

O pasado xoves, 2 de maio, alumnado e profesorado do IES do Milladoiro participou na “Olimpíada: Trocando Linguas” celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a xornada, amosaron os resultados da investigacións que levaron a cabo sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos, co obxectivo de intercambiar experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre os contextos multilingües actuais. O evento pódese visualizar na canle de YouTube da USC premendo nesta ligazón.

Venres, 03 de maio de 2024
Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2024

Dende hoxe, venres 3, e ata o 20 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Premendo esta ligazón pódese obter os impresos de inscrición da Escola de Verán 2024. As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

Luns, 22 de abril de 2024
Abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Xuño Lúdico 2024

Dende hoxe, 22 de abril, e ata o 6 de maio de 2024 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Xuño lúdico”, que este ano se desenvolverá do 24 ao 28 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

Martes, 09 de abril de 2024
A Casa do Concello recibe a visita do alumnado de cuarto do CEIP Agro do Muíño para coñecer o funcionamento da Administración local

Esta mañá, o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, recibiu a visita do alumnado de cuarto curso de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, que se achegou á Casa consistorial para coñecer de primeira man o traballo que se realiza neste lugar. Así, acompañados de varios membros do Goberno local e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, arredor de 75 nenos e nenas aprenderon que é un pleno municipal, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, a rapazada puido trasladar aos membros da Corporación as súas dúbidas e preguntas.

Venres, 05 de abril de 2024
O alumnado de sexto de primaria do CEIP Agro do Muíño visitou hoxe o Salón de Plenos

O salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, recibiu esta mañá a visita do alumnado de sexto curso de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, que se achegou á casa consistorial para coñecer de primeira man como desenvolve as súas funcións. Así, acompañados de varios membros do Goberno local, 73 nenos e nenas aprenderon como funciona un pleno municipal, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, a rapazada puido trasladar aos membros da corporación as súas dúbidas e preguntas.

Martes, 02 de abril de 2024
O Concello de Ames difunde o Roteiro Maker na Red Innpulso

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e innovación, elaborou un vídeo resumen do Roteiro Maker co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa na Red Innpulso. O Roteiro Maker, unha furgoneta que organiza obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, visitou os colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín entre o 20 e o 23 de febreiro para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta iniciativa participaron arredor de 400 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria. Con esta iniciativa o Concello de Ames busca dar a coñecer a figura das mulleres en diversas áreas científicas.

Sábado, 30 de marzo de 2024
O luns, 1 de abril, abre o prazo de solicitude de prazas nas escolas infantís municipais para o curso 2024-2025

Dende o luns, 1 de abril, estará aberto o prazo de preinscrición para o curso 2024-2025 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 17 de xuño. A documentación que hai que presentar para preinscribirse pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

Martes, 26 de marzo de 2024
Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024

Este luns, 25 de marzo, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que están a participar 105 nenos e nenas. A finalidade deste programa, que se desenvolve no CEIP da Maía e no CEP de Ventín, é facilitar a conciliación das familias amesás durante as vacación escolares de Semana Santa. As actividades, impartidas de 7.30 á 16.00 horas cos servizos de Bos Días e comedor incluídos, continuarán até o luns 1 de abril. Nesta edición, baixo o nome “Aventuras zumbantes!”, o programa céntrase nas abellas e no fundamental labor que realizan para a conservación da biodiversidade e do equilibrio do medio natural.

Luns, 18 de marzo de 2024
Imaxe da Feira das Profesións que se celebrou hoxe no IES do Milladoiro

A Feira das Profesións converteu hoxe ao IES do Milladoiro nun escaparate dos estudos e profesións na época da Intelixencia Artificial. Máis de 300 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato puideron coñecer os requisitos para acceder á Universidade, á FP, á Policía Local, a Garda Civil ao Exército, como montar unha empresa ou prepararse para ser biomédico. Máis de 50 especialistas informaron e orientaron ao alumnado sobre estudos e saídas profesionais.

Sábado, 16 de marzo de 2024
Aberto o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación

O Concello de Ames abre ata o 1 de abril o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2024-2025, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.